O PP de Vilalba reproba os actos vandálicos contra a sede da Fundación Manuel Fraga

O Partido Popular de Vilalba reproba os actos vandálicos contra a sede da Fundación Manuel Fraga despois das últimas pintadas aparecidas sobre a fachada do edificio no que se alberga.

A presidenta da xestora do PP vilalbés, Sandra Domínguez, manifesta “o noso rexeitamento a este tipo de actos con independencia da persoa ou colectivo ao que se dirixan. E, máis concretamente, se se dirixen a un veciño de Vilalba”, afirma.

Vázquez subscribe, polo tanto, “a condena deste acto incívico realizada polos membros Fundación –os exalcaldes vilalbeses José María García Leira e Gerardo Criado- e apoia o excelente traballo que realiza co obxectivo de manter o legado dunha das figuras fundadores do Partido Popular e, en definitiva, o dun vilalbés que presidiu a goberno de Galicia durante 15 anos”. 

A popular recorda que “Fraga representaba valores tan importantes coma a democracia, o respecto e a humildade; xusto o contrario do que transmite o ou os responsables deste despropósito inxustificado e antidemocrático”.

Así mesmo, a presidenta da xestora do PP local lamenta “ser noticia por actos vandálicos contra a sede da Fundación Manuel Fraga cando, por riba de ideoloxías ou crenzas, dende o PP defendemos o respecto ao noso pobo e aos nosos veciños e veciñas”. 

A popular agarda que este sexa o último suceso deste tipo, apelando de novo, “como sempre facemos dende o PP, ao respecto e á condena de calquera acto incívico que poida vulnerar a estabilidade democrática e os dereitos que temos como cidadáns”.

Etiquetas