Veciños da Pastoriza denuncian esperas de ata unha semana para o médico de cabeceira

Veciños da Pastoriza denuncian novamente diante do Servizo Galego de Saúde os “graves problemas” que teñen para seren atendidos no Centro de Saúde da localidade desde que se xubilou este verán un dos tres médicos de atención primaria que había, unha redución na prestación sanitaria que se engade aos problemas existentes na atención pediátrica e no servizo de urxencias no PAC de Meira.

Nun escrito dirixido ao xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares, co que xa se reuniron o pasado 16 de outubro (comprometéndose este a solucionar o problema, algo que a día de hoxe non se ten producido), os presidentes de 5 asociacións de veciños do concello, pertencentes ás parroquias de Úbeda, Lagoa, Álvare, Reigosa e Rigueira, explican que “a praza do terceiro médico, que se viña cubrindo de xeito temporal, non será cuberta durante este mes de decembro, segundo informan no propio Centro de Saúde no momento de pedir a cita, polo que só quedan 2 médicos para atender a 3.000 pacientes que hai no concello, producíndose esperas de até unha semana para poder ser atendidos por un dos facultativos”.

“Citas pedidas este luns quedaron fixadas para o xoves e citas pedidas o martes foron postas para o martes da semana que vén, de xeito que no momento de maior demanda de todo o ano, debido aos catarros, gripes e afeccións víricas típicas do inverno, xunto coas necesidades ordinarias do servizo, a atención médica nun concello rural como o da Pastoriza queda claramente desatendida, situación que se agrava debido á alta taxa de avellentamento da poboación municipal, factor que nesta época do ano é determinante e fai que a demanda de servizo médico aumente exponencialmente”, afirman.

Por iso, no escrito rexistrado este pasado luns, os veciños demandan á Xerencia do Xergas “que dea solución a este problema á maior brevidade, posto que a calidade do servizo se ve mermada, entre outras causas, con longas esperas para ser atendidos os pacientes na consulta e coa saturación dos facultativos que están dando cobertura a todos os veciños”.

Os veciños lembran que logo de teren denunciado xa esta situación no mes de setembro e teren solicitado unha reunión co conselleiro de Sanidade, foron recibidos polo xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares, e o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, o pasado 16 de outubro, que se comprometeron a cubrir definitivamente a praza do terceiro médico no Centro de Saúde da Pastoriza. “Pero non só non se cubriu a día de hoxe esta praza, senón que a situación vivida estes días volve xerar incertidume na veciñanza ao sospeitar que a intención real do Sergas é eliminar a praza, ao contrario do que tiñan prometido”, sospeitan os veciños.

Sen pediatra até despois de Reis

No que se refire á atención pediátrica, lembran que o concello da Pastoriza conta co servizo de pediatra compartido co concello de Meira, estando dous días á senama o pediatra no centro médico da Pastoriza e tres no de Meira. Pero cando o pediatra titular colle vacacións ou está de baixa queda a praza descuberta, tal como aconteceu a semana pasada.

“Na semana do dous ao cinco de decembro os nenos e nenas dos concellos da Pastoriza e Meira non contaron con atención pediátrica, sendo preciso desprazarse ás urxencias do HULA para ser atendidos por un especialista en pediatría. Concorre, ademais a circunstancia de que unha vez atendidos no HULA, a prescrición pasa porque o neno ou nena sexa controlado polo seu pediatra de cabeceira, control que non se pode levar a cabo. Isto por non falar da imposibilidade de facer os controis rutinarios que todos os nenos e nenas teñen que pasar periodicamente”, denuncian no seu escrito os presidentes das 5 asociacións de veciños, que explican que “segundo informan ás familias no propio Centro de Saúde, desde o 20 de decembro até despois de Reis non vai haber pediatra”.

Os representantes veciñais lembran que “nesta época do ano as afeccións víricas e respiratorias nos cativos e cativas sofren un repunte debido á climatoloxía, atopándonos en pleno repunte de bronquiolitis, polo que a demanda do servizo de pediatría aumenta, situación esta que xa non só prexudica aos nenos e nenas que non teñen un especialista que os atenda, senón que ocasiona trastornos ás familias ao teren que desprazarse até o hospital, dificultando deste xeito a conciliación laboral e familiar e saturando deste xeito o servizo de Urxencias do HULA, tendo que sufrir ademais longas esperas para ser atendidos, por non falar das carencias no servizo a consecuencia da imposibilidade de facer un seguimento posterior dos diagnósticos e tratamentos”.

“Cinismo” da Xunta

Os veciños denuncian no seu escrito o “cinismo” da Xunta en materia sanitaria e de apoio ao rural. “Por un lado queren facernos crer que para os gobernantes é un tema preocupante o despoboamento do rural e que se están buscando activamente solucións para asentar poboación no rural, pero por outro lado van debilitando a calidade dos servizos que se nos prestan, como por exemplo o servizo médico”, afirman.

“O mesmo ocorre cos distintos servizos do Sergas, por un lado tratan de facernos ver o ben que funciona a sanidade pública en Galicia, posicionándoa á cabeza en comparación coas demais comunidades autónomas do Estado español, pero á hora da verdade os cidadáns sufrimos diariamente as listas de espera, as carencias de persoal nos Centros de Saúde e os déficits de atención”, engaden.

Unhas carencias que, din, “agrávanse no rural”. “Sentímonos como de segunda, como se tiveramos menos dereitos que os pacientes que viven nas urbes. Pero lembrámoslles aos gobernantes que nós pagamos impostos igual co resto da poboación urbana, polo que en virtude do principio de igualdade temos dereito a recibir o mesmo trato e a que se dea cumprimento aos dereitos constitucionais que nos amparan en canto á prestación de atención sanitaria por parte das Administracións Públicas competentes”, conclúen no escrito presentado.

Etiquetas