As bibliotecas de Guitiriz e Muras intégranse na Rede de bibliotecas de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publicou unha orde que resolve a inscrición de centros bibliotecarios públicos municipais dos concellos de Guitiriz e Muras, xunto aos de Entrimo, Muros e San Cristovo de Cea, no Rexistro de bibliotecas de Galicia. Todos eles, e en virtude doutra orde tamén publicada nesta xornada no DOG, tamén se integrarán na Rede de bibliotecas de Galicia, xunto ao concello chairego da Pastoriza.

A inscrición no Rexistro de Bibliotecas de Galicia é o paso previo á integración na Rede de Bibliotecas, que lles permitirá ter obter acceso ás axudas e subvencións que anualmente convoca a Consellería de Cultura e Turismo tanto para adquisición de fondos para bibliotecas como para actividades de dinamización que fomenten a animación á lectura. Así mesmo, terán acceso ao Sistema Integrado de Xestión Bibliotecaria Koha xa nos primeiros días de 2020.

Cómpre destacar que o persoal bibliotecario poderá participar nos programas de formación que convoca anualmente a Consellería de Cultura e Turismo para incrementar a calidade dos servizos que prestan aos usuarios.

Coa integración destes servizos bibliotecarios na Rede de Bibliotecas de Galicia cúmprese o obxectivo de que todas as bibliotecas públicas municipais de Galicia que estean activas se atopen en igualdade de condicións á hora de accedes ás axudas públicas así como a todos os recursos que ofrece a Administración autonómica á local neste ámbito. Nestes momentos trabállase para que todos os servizos bibliotecarios municipais de Galicia conten co sistema KOHA no 2020, dando cobertura territorial total á implantación do carné único das bibliotecas públicas de Galicia e ao acceso á biblioteca en liña para o préstamo de libro dixital e de audiovisuais galegos, GaliciaLe.

Etiquetas