O Concello de Outeiro de Rei compra a casa do cura para facer un centro de día

O Concello de Outeiro de Rei anunciou que comprará a antiga casa do cura e outro inmoble encostado á mesma para rehabilitalos e convertilos en centro de día. A operación de compra, que inclúe tamén unha pequena parcela de terreo pertencente a ambas as vivendas, terá un custo de 80.000 euros.

Para esta compra, o Concello contará cun préstamo do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), que poderá devolver nun prazo de dez anos a interese cero. A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, asinaron o convenio de colaboración que dá acceso a este municipio ao Fondo de Cooperación cos Concellos, posto en marcha polo IGVS para axudar a que os de menos de 50.000 habitantes poidan levar a cabo accións de rehabilitación e conservación do seu patrimonio.

O anteproxecto da obra prevé que teña capacidade para algo máis de 60 prazas. O goberno local buscará a partir de agora o apoio tanto da Xunta como doutras entidades públicas para poder executar a obra de rehabilitación dos inmobles e a súa conversión a centro de día, un proxecto cuxo custo está cuantificado nuns 600.000 euros.

 

Etiquetas