Adolfina Mesa gaña o certame de Arte do Belén de Begonte

O xurado da XXX edición do Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán acordou conceder o Premio do mesmo nome, dotado con 1.500 euros e estatuíña de Sargadelos, á obra Amor Mortal (acrílico sobre lenzo e outros materiais), da que é autora Adolfina Mesa, residente en Monterroso. Nesta edición premiose a obras que promoven a igualdade e loitan pola erradicación da violencia sexual sufrida polas mulleres. De feito, a obra será utilizada polo Concello de Begonte, dentro das súas campañas a prol da igualdade e de loita contra a violencia sufrida polas mulleres.

Pola calidade do seu traballo, concedeuse unha mención de honra, dotada con estatuíña de Sargadelos, á obra Visibeis Invisibeis, de Eduardo Baamonde, de Vilagarcía de Arousa.

O premio será entregado no decurso do acto de clausura de O Nadal de Begonte, a celebrar o 25 de xaneiro no Centro Cultural de Begonte.

Este certame foi convocado polo Centro cultural José Domínguez Guizán, de Begonte, e o xurado estivo formado por Aurelia Balseiro García, directora do Museo Provincial de Lugo; Gonzalo Sánchez Folgueira (Zalo), pintor; Mamuel Gulín Rodríguez (pintor), e Xulio Xiz Ramil, en representación do Centro convocante.

 

Etiquetas