Dez casas de Muimenta levan un mes sen liña de teléfono

Unhas dez casas da parroquia de Muimenta, no municipio de Cospeito, levan case un mes sen teléfono debido á caída dun dos postes do cableado. Segundo denuncia o grupo socialista do Concello, os veciños atópanse desamparados despois de chamar en repetidas ocasións á compañía telefónica sen que ata a data achegáranselles solucións. A sensación que teñen é que a cuestión vai para longo.

O poste en cuestión caeu hai semanas ao recibir un golpe dun camión. Desde entón o tendido telefónico non funciona e entre os afectados atópanse persoas maiores que necesitan o teléfono para poder comunicarse e mozos que se quedaron sen acceso a Internet.

“Parécenos unha falta de consideración por parte da compañía telefónica que aínda non veu reparar a avaría, malia que vos veciños chamaron en varias ocasións advertindo que estaban sen liña”, apuntan desde o PSOE de Cospeito. Os veciños reclaman unha solución urxente e ata a data non lla achegaron.

Ao mesmo tempo tamén caeu un foco do alumeado público pero o PSOE considera que “é máis importante o teléfono en especial para ter protexidas ás persoas maiores”.

Etiquetas