Récord de participación na VII xornada de billarda en Castro Ribeiras do Lea

O sábado, 12 de xaneiro disputouse en Castro Ribeiras do Lea a sétima xornada da LNB, organizada polo equipo Chanzos-cadaval.

Nesta proba, estableceuse un novo récord de participación na conferencia Norleste con 86 persoas chegadas de toda Galicia e parte de Asturias.

A liga voltaba a Terra Chá e non o podía facer mellor para os equipos locais quedando o equipo organizador, Chanzos-cadaval de segundos e os da Ponte de Outeiro, os Carabullo, de primeiros na clasificación por equipos.

Foi unha gran xornada para a xente de Carabullo, que ademais de gañar por equipos, fixoo coa suficiente ventaxa como para auparse ao segundo posto da xeral a tan só dous puntos dos billardeiros musicais, aos que lles quitaron 15 puntos en Castro.

Pero non foi por equipos o único éxito chairego, a clasificación individual feminina foi dominada tamén por Irea, a capitana de Carabullo acadou o primeiro posto e un magnífico exemplar de Pita de Mos como premio, donado polo concello de Castro de Rei e entregada polo seu alcalde, Francisco Balado.

Na clasificación absoluta, un cuádruple empate a 23 puntos, fixo que as galiñas se tivesen que adxudicar despois dun desempate, xogado xa coa noite pecha, entre Xan Rodiño de Sanxenxo, Xosé Collazo de A Laracha, Charli da Ponte de Outeiro e Xosé Regueiro da Pontenova. Sendo tamén ese o orde final na clasificación.

A oitava xornada será en Terras Meiregas e disputarase o día da Candelaria, dous de febreiro, no que os equipos chairegos tratarán de manter a súa boa liña collida en Castro.

Etiquetas