Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXA

Friol acolle a posta en marcha do Plan Galicia Saudable

Por 16 Xaneiro, 2020Sin comentarios

O Concello de Friol acolleu a firma do convenio que impulsa unha alianza estratéxica para loitar contra a obesidade infantil, a través do Plan Galicia Saudable, que promove estilos de vida activa nos escolares galegos dos centros participantes nos Proxectos de Vida Activa – Rede de Centros Activos e Saudables a través da plataforma DAFIS, Datos de Actividade Física Saudable.

Este convenio foi asinado pola conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar Tojo; o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa.

A presentación e sinatura do convenio celebrouse no CPI Doutor López Suárez por ser un centro pioneiro tanto na plataforma DAFIS como na cesión dos datos ao Servizo Galego de Saúde. Desde a súa adhesión ao programa, o centro acadou o retroceso dun punto porcentual na taxa de obesidade infantil.

O acto de sinatura rematou coa realización dalgunhas probas DAFIS no pavillón polideportivo do centro a algúns dos 150 nenos asistentes.

O Plan Galicia Saudable nace en 2012 para facer fronte a un dos grandes desafíos da saúde pública de comezos do século XXI, o aumento das mortes, enfermidades e discapacidades provocadas polo sedentarismo e a práctica insuficiente de actividade física. Dentro do seu amplo abanico de ferramentas e plataformas orientadas a esta fin destaca DAFIS como un protocolo de valoración da condición física relacionada coa saúde do alumnado. A Organización Mundial da Saúde, a través da súa oficina europea, seleccionou o programa en 2018 como o mellor exemplo nacional de boas prácticas para a promoción da actividade física no ámbito escolar. 

A Secretaría Xeral para o Deporte, a través da Fundación Deporte Galego, é a responsable da xestión da plataforma DAFIS que, desde o primeiro curso no que se puxo en marcha (2012/2013), contou coa participación de 141 centros educativos de 73 concellos. En total realizáronse 26.606 valoracións de condición física saudable a 15.651 alumnos e alumnas de 6-16 anos que inclúen datos de IMC, perímetros de cintura e cadeira.

A tenor do convenio asinado acádase a integración dun traballo común entre profesores e pediatras a través de DAFIS. Os centros educativos participantes no programa valorarán e recollerán os datos de condición física saudable dos seus alumnos e alumnas na plataforma DAFIS. Pola súa banda, o Servizo Galego de Saúde poderá acceder a esta plataforma para contribuír ás valoracións efectuadas. Deste xeito, o persoal facultativo e de enfermería poderá emitir informes de recomendacións individuais que estarán accesibles na ferramenta interactiva e-saúde e que poderán ser achegados ao profesorado dos centros de ensino telematicamente. 

Máis e mellor actividade física nos colexios

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, explicou que este Proxecto de Vida Activa e Deportiva forma parte dos Plans Proxecta liderados polo seu departamento en coordinación e colaboración cos demais departamentos do Goberno galego nunha aposta por fomentar a innovación educativa nos centros escolares a través de iniciativas que desenvolven “non só competencias clave, senón tamén elementos transversais como a educación en valores”. A través deste Proxecto de Vida Activa e Deportiva, o centro educativo exerce de polo dinamizador e promotor de hábitos de vida saudable. Carmen Pomar subliñou a importancia de que os rapaces incorporen nas súas rutinas diarias o exercicio físico como hábito de vida saudable. “O obxectivo final é loitar contra o sedentarismo, creando hábitos que perduren fóra do centro escolar e ao longo de toda a vida, dende a  infancia ata a vellez, implicando no proceso a toda a familia”, dixo a conselleira, que aproveitou para agradecer a colaboración dos docentes e a implicación das familias nestas tarefas. 

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, remarcou a aposta do seu departamento pola promoción dos hábitos de vida saudable e os beneficios do deporte para combater o sobrepeso e a obesidade infantil. Tal e como sinalou Almuiña, no Sergas non queremos quedarnos so coa promoción da vida activa para o neno san, senón que queremos atender á diversidade e establecer pautas e recomendacións seguras para aqueles nenos que xa están a sufrir unha patoloxía crónica de base pero que, cunha recomendación individualizada, poden beneficiarse tamén da actividade física, -referiu o conselleiro-

O secretario xeral para o Deporte felicitou á directora do centro, Asunción López, ao coordinador do proxecto, Felipe Barata e á pediatra de Friol, Yolanda Romero por este “fito sen precedentes no medio dun contexto de incremento dos datos de obesidade infantil que intentamos mudar con accións como a sinatura deste convenio”. Lete Lasa definiu o traballo coordinado entre educación, sanidade e deporte como a suma dos “tres vértices dun triángulo equilátero que medra para redundar na melloría da saúde de toda a nosa poboación”. Neste sentido subliñou a importancia de “concienciar, sensibilizar e actuar na procura de máis e mellor actividade física nos colexios”. “O noso obxectivo e chegar a todos os nenos e nenas de Galicia, mellorar os datos de obesidade infantil e estender este efecto positivo ás súas etapas futuras así como a toda a poboación”, dixo.