Luz e Rocío Airado Bello, avogadas de Vilalba: “Os delitos e estafas informáticas cada vez aumentan máis”

Airado Bello Abogadas diríxena dúas irmáns veciñas de Vilalba, Luz e Rocío Airado Bello. Conta con oficinas no propio centro de Vilalba, concretamente na rúa Campo de Puente en atención continuada pero con cita previa e tamén contan con despacho en Lugo na rúa Bolaño Rivadeneira. Formadas en Santiago de Compostela, unha delas está especializada en Pericial Caligráfica e imparte docencia no Master de Avogacia do Colexio de Avogados de Lugo e a USC.

Cando botou a andar este despacho?

Primeiro acabamos as carreiras e despois comezamos un periplo profesional de tres e cinco anos cada unha, estábamos noutros bufetes, unha estaba en Lugo e outra en Vilalba, a partires desa experiencia decidimos montarnos pola nosa conta, vai  facer arredor de 10 anos.

A oficina, con canto persoal conta?

Pois na actualidade somos 4, nós as dúas e temos unha compañeira e outra rapaza máis en prácticas a través dunha bolsa Feuga.

Cales son as áreas ou disciplinas que abarcades no bufete?

Pois o ámbito civil (familia, herdanza, reclamacións por seguros), o administrativo (como casos de dependencia, urbanismo) e tamén leamos casos de ámbito penal, social, estranxeiría e a pericial caligráfica.

Nestes 10 anos de actividade profesional, cambiaron moito os servizos que vos demandan os clientes?

Vemos como foi aumentando o volume de traballo e sobre todo as reclamacións, e dentro destas as dos consumidores. Por exemplo naqueles intres estaba comezando o fenómeno das Preferentes que cremos que foi o punto de inflexión, a partir dese momento aumentaron as reclamacións a entidades bancarias, os SWAPS, subordinadas, cláusulas chan e outras das hipotecas.

Entón, o consumidor ve agora máis accesible chegar a loitar co que son entidades xurídicas?

Certamente. Agora está  o tema bancario, os créditos rápidos, o abuso de contratos telefónicos ou a dependencia. Este último era un asunto que rara vez chegaba aos tribunais, ese camiño foise forxando e agora si é utilizado. O céntimo sanitario, as ventas de camións a camioneiros, etc. En xeral o consumidor e os administrados reclaman máis os seus dereitos. A marxe de isto, vimos un aumento dos conflictos laborais como despedimentos, expedientes de regulación de emprego, reclamacións o Fogasa, etc.

A Terra Chá foi unha comarca moi afectada polas preferentes e as cláusulas abusivas das hipotecas?

Foi moi afectada, houbo moitos casos, é unha comarca cunha poboación cunha idade media alta que tiñan unha certa capacidade de aforro. No noso despacho estes casos foron a favor do consumidor.

Hoxe en día o consumidor on line ten vías de reclamación?

O mercado online está aínda pendente de moita regulación, atopámonos que non sempre é viable recorrer porque o importe económico do produto é pequeno, pero si existen outros casos coma os delitos informáticos e as estafas que cada vez está aumentando máis polo que vai precisar moita regulación.

E falando da pericia caligráfica, en que consiste e quen son os clientes que demandan estes servizos?

A pericial caligráfica poden demandala tanto a Administración coma os particulares, dase por exemplo nun tema contractual onde aparece a firma de diversos contratos, pasou por exemplo coas preferentes, onde os consumidores non recoñecían coma propia a sinatura e o Xulgado solicitaba a pericial caligráfica. Tamén se usa en materia de herdanzas, en testamentos escritos a man para determinar a autenticidade e despois de parte, por exemplo solicítanolo outro compañeiro que está preparando un caso onde quere negar unha firma. Hoxe quedan moitos negocios que seguen asinándose a man.

Asesoran en materia de herdanzas, que ofrecen ao cliente?

Realizamos planificacións de herdanzas, un sistema que moita xente descoñece. A planificación da herdanza en vida é unha fórmula que permite canalizar o destino dos bens da herdanza sacando o maior beneficio fiscal, ou doutro xeito, minorando ao máximo os impostos que terán que aboar os herdeiros. Estas son decisións que deban ser meditadas, pero por exemplo non teñen porque abarcar todo o patrimonio ou pode desfrutar do usufruto igualmente. Nós pensamos que é un tema que debera orientarse para ter toda a información posible.

Etiquetas