Arrinca nas Pontes o segundo programa da Universidade Sénior

O Ceip A Magdalena acolleu a xornada inaugural da segunda edición do programa formativo Compartir experiencias e coñecemento promovido polo Concello das Pontes, a Universidade Sénior e Vicerreitorado de Oferta Académica e Innovación Docente da Universidade da Coruña.

Esta primeira xornada, na que participan 56 veciños e veciñas de As Pontes e que se desenvolverá, todos os mércores e xoves, de 17:00 a 19:00 horas, ata mes de marzo nas aulas do colexio A Magdalena, contou coa presenza de Tania Pardo Cabarcos, concelleira de Educación e Matilde García Sánchez, directora da Universidade Sénior.

Tania Pardo agradeceu a presenza ao alumnado, sulbiñando a magnífica acollida deste proxecto por parte da veciñanza, que “terá a oportunidade de participar no desenvolvemento de actividades de formación científica e cultural”

A edil tamén destacou a importancia desta acción formativa para o municipio e os seus veciños e veciñas. “Achegar a Universidade Sénior á nosa localidade supón favorecer o encontro e o envellecemento activo, poñendo en valor a experiencia vital e profesional, dándolles, a todas aquelas persoas que non tiveron a oportunidade de pasar polas aulas universitarias, unha ferrameta de crecemento persoal” apuntou Pardo.

O programa formativo, impartido polo profesorado da Universidade da Coruña, articúlase entorno a tres módulos centrados en aspectos relacionados, en primeiro lugar, co patrimonio social e cultural e a lingua galega.

Haberá un módulo sobre medio ambiente e a sustentabilidade, no que se abordarán temas relacionados coa bioloxía, a zooloxía ou a botáncia mentres que o terceiro módulo estará dedicado á saúde e a calidade de vida, con contidos sobre saúde, exercicio físico e neurociencia.

Cada seminario inclúe duas sesións teóricas e unha sesión práctica con visitas a diferentes espazos de interese patrimonial ou natural, tales como a Serra do Xistral, así como unha sesión práctica de exercicio terapéutico.

Etiquetas