O Concello de Friol asegurará todos os contedores

O Equipo de Goberno de Friol, presidido polo popular José A. Santos, habilitou unha partida nos orzamentos do ano 2020 para proceder a crear unhas bases de formigón co equipo de suxeición necesario para todos os contedores do municipio.

Nos próximos días procederase cos trámites administrativos necesarios para adxudicar este proxecto, unhas obras que contan cun orzamento duns 50.000 euros e que na súa totalidade serán con cargo a fondos municipais.

Dito proxecto consta da limpeza e o acondicionamento da zona para posteriormente proceder a fornecer formigón para crear a base e instalar o equipo de suxeición para asegurar os contedores. Espérase actuar na totalidade dos 685 contedores que o Concello ten distribuídos polas 32 parroquias do municipio.

Segundo o alcalde José A. Santos, “son unhas obras moi demandadas polos veciños e que contribuirán a reorganizar as localizacións dos contedores, conseguir unha mellor imaxe como tamén conseguiremos unha maior seguridade dado que ao estar ancorados nos exteriores das vías non supoñerán risco algún para os usuarios das mesmas”.

Con estas obras preténdese que “cando as condicións atmosféricas estean acompañadas por vento non exista a posibilidade de que o mobiliario estea a xerar risco para os veciños, xa que ata a data era normal que un día de vento vísense algúns contedores fóra dos seus lugares propios e con iso poder afectar a algún vehículo que naquel momento circule pola zona”, comenta o alcalde.

Desde o Concello esperan que as obras estean finalizadas no primeiro semestre do presente ano, dado que unha vez adxudicadas, a empresa dispoñerá duns tres meses para realizar estes traballos.

Etiquetas