Xermade e Vilalba saen da zona de control da praga da couza da pataca

Os Concellos de Xermade e Vilalba deixan de pertencer á zona tampón para o control da praga denominada couza guatemalteca da pataca. Ao pasar a ser zona libre, non deberán presentar declaración para a súa sementeira.

Este cambio recóllese na resolución da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que modifican as medidas fitosanitarias establecidas na Resolución do 8 de marzo de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se establecen as zonas infestadas e as zonas tampón e se implementan as medidas para a erradicación e o control con respecto ao organismo de corentena Tecia solanivora Povolny, ou couza guatemalteca da pataca, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na mesma orde retirábase a prohibición de plantar pataca nos concellos de Lugo de Abadín e Ourol xunto cos coruñeses de As Pontes, Ares, Cabanas, A Capela, Fene, Ferrol e Mugardos. Polo tanto, Na provincia de Lugo os concellos infestados seguen a ser na provincia de Lugo Alfoz, A Pontenova, A Pastoriza, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Viveiro e Xove.

Ademais de Xermade e Vilalba, saen da zona tampón os concellos coruñeses de Pontedeume, Monfero, Vilarmaior e Miño.

Na provincia de Lugo considérase zona tampón a totalidade da superficie dos
concellos de Abadín e Ourol e unha franxa de 5 km limítrofe cos concellos infestados que afecta parcelas dos concellos de Muras, Cospeito, Castro de Rei, Pol, Meira, Ribeira de Piquín e A Fonsagrada.

Etiquetas