Abadín e Riotorto contarán cun servizo de asesoramente a coidadores

O Concello de Mondoñedo, presidido por Elena Candia, pon en marcha, baixo o título “Coidamos o Coidador”, un servizo de asesoramento e apoio familiar de xestión compartida cos concellos de Abadín, Riotorto e Trabada. Trátase dunha nova prestación que establecerá co fin de ofrecer atención especializada aos responsables principais das persoas que precisan coidados.

Na creación deste programa explícase que “o labor de coidar supón un importante esforzo por parte do familiar/coidador, debido á necesidade de levar a cabo múltiples tarefas novas que debe integrar na súa vida, pero ademais convértense no eixo central da súa organización diaria. Este aumento de traballo, tanto físico como emocional, provoca na maioría das ocasións un desgaste importante, sendo fundamental intentar que tomen conciencia da necesidade de autocoidarse e de buscar axuda”. É, por este motivo, polo que se pon en marcha este asesoramento”.

Os obxectivos do programa son apoiar e orientar á familia e coidadores tratando de reducir sentimentos de angustia e irritabilidade; axudar á comprensión e aceptación das condutas do enfermo; facilitar a resolución de posibles problemas e/ou conflitos relacionados coa sintomatoloxía; fomentar as relacións sociais e redes de apoio; e orientar en aspectos legais e recursos dispoñibles, en relación ás dificultades laborais e económicas que xorden de xeito paralelo.

Neste senso, no marco desta iniciativa como actividades máis inmediatas contémplanse o desenvolvemento de sesións formativas periódicas (sesións de dúas horas, un día ao mes) para os familiares/coidadores; proporcionar información sobre a enfermidade, cun achegamento especializado para coñecer as súas necesidades e situación particular, que serán complementadas coa asistencia ás formacións de profesionais do SAF; posta en marcha dun grupo de voluntariado en Residencia, Centro de Día e Unidade de Alzheimer; elaboración dunha guía informativa básica para os coidadores e posta en marcha de sesións grupais en relación ás necesidades detectadas.

A primeira medida para a posta en marcha deste servizo, que terá a súa sede en Mondoñedo, será a contratación de persoa, xa que no concello non contan con persoal para tal fin. Por isto abriuse un proceso de selección para a contratación dun educador ou educadora social.

As ocupacións deste educador serán promover a adquisición, por parte das familias destinatarias, de competencias e habilidades para o correcto desenvolvemento das súas funcións parentais e educativas; poñer a disposición das familias participantes de alternativas, información, recursos e itinerarios socioducativos en relación coas posibilidades do contorno; favorecer a integración, promoción e participación social das familias ou unidades de convivencia; previr e atender as situacións que provoquen vulnerabilidade ou risco social ás familias ou grupos de convivencia alternativo; previr e atender situacións derivadas de adiccións en xoves destes concellos; promover espazos de encontro de nais e pais enfocados á mellora das capacidades educativas e mellora de calquera situación que se poida detectar; deseño e avaliación de programas personalizados de intervención para a unidade familiar e a contorna, e coordinación cos profesionais implicados no proceso de intervencións nas unidades familiares.

O contrato terá unha duración dun ano e catro meses xa que se iniciará o 1 de  marzo do ano en curso e remtará o 30 de xuño do seguinte, cunha xornada completa de traballo de uns a venres. O prazo de solicitude da praza remata o venres.

Etiquetas