O anterior alcalde de Meira, investigado por prevaricación

O Xulgado de Instrución número 3 de Lugo chamou a declarar, en calidade de investigado, ao exalcalde de Meira, Ramiro Pérez, por un presunto delito leve de prevaricación administrativa. Esta citación enmárcase no proceso aberto trala denuncia presentada por un veciño, interesado en esclarecer que ocorreu coa fonte da Praza Maior de Meira, danada nun accidente en 2014 e substituída por outra nova.

A citación é para o 3 de marzo, ás 11.00 horas, cando Ramiro Pérez deba comparecer ante o xuíz para ofrecer a súa versión do ocorrido da que se defende alegando que non se lucrou en nada.

O denunciante, que defende o “valor sentimental” que para moitos veciños e para el mesmo tiña este elemento case centenario, estima que o Concello tivo unha “actitude omisiva” ao “non protexer o patrimonio” e que existe “unha distracción dun ben demanial”, segundo recolle a denuncia, que este veciño xa ratificou #ante o xuíz instrutor en setembro, cando foi citado a declarar.

No escrito dirixido ao xulgado precísase ademais que a estrutura “foi levada a unha leira particular que o denunciante aseguraba ter localizada na zona de Ferrolterra.

Para esclarecer este e outros asuntos, o xulgado requiriu información á Garda Civil e ao Concello de Meira, desde onde confirman que xa remitiron toda a documentación pedida.

Etiquetas