O Goberno investirá 2,8 millóns de euros en facer un cuartel da Garda Civil en Vilalba

A alcaldesa de Vilalba facendo entrega dun pin do Concello ao delegado do Goberno

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, anunciou a construción dun novo edificio para albergar o novo cuartel da Garda Civil en Vilalba, no que o Goberno investirá 2,8 millóns de euros.

Xunto a este cuartel sumarase un novo edificio na Fonsagrada e as melloras que, desde 2019, están a executarse en diversos equipamentos na provincia de Lugo ata sumar un total de 5 millóns de euros, entre restauración e novas construcións. En toda Galicia este investimento ascende a 24 millóns de euros, que se dedican a mellorar instalacións existentes e construír novos equipamentos.

O delegado do Goberno reuniuse coa alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez. Nesta reunión avaliaron a dispoñibilidade do Concello para ceder o terreo necesario para a construción deste novo equipamento de forma que se concrete no menor tempo posible.

O novo cuartel da Garda Civil en Vilalba substituirá ao actual edificio, que data dos anos 60 do século pasado. A nova infraestrutura dispoñerá de instalacións modernas e adecuadas para albergar servizos de Seprona, Tráfico, o Posto de Vilalba e Intervención de armas e Explosivos. Actualmente alberga un persoal de 44 gardas civís.

O delegado do Goberno repasou coa alcaldesa o resultado doutras actuacións do Executivo en Vilalba no pasado ano. Así, destacou o investimento de 105.000 euros na limpeza e acondicionamento de ríos que executou a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, á que se sumará unha nova actuación de 25.795 euros. Tamén a mellora de seguridade viaria da rotonda da Grandisca levada a cabo polo Ministerio de Transportes, Movilidad Sostible e Axenda Urbana. En relación con este Ministerio, avanzoulle a próxima mellora do firme da N-634 na saída do centro urbano en dirección Oviedo, que se executará neste ano.

A alcaldesa fixo entrega ao delegado do Goberno dun pin da de Vilalba.

Etiquetas