Skip to main content
ActualidadeVilalba

Os hostaleiros son convocados ao primeiro Entroido Gastronómico de Vilalba

Por 1 Febreiro, 2020Sin comentarios

O Concello de Vilalba, a través da súa Concellería de Turismo e Promoción do Comercio Local, convoca á hostalería a participar nas I xornadas de degustación Entroido Gastronómica de Vilalba, a fin de que todos os bares, restaurantes e establecementos hotaleiros con servizo de cociña do termo municipal que así o desexen ofrezan tapas, pinchos ou menús (ou pratos en carta) especiais nos que os produtos típicos do entroido galego sexan os protagonistas, isto é: Cocido, lacón con grelos, caldo, cachucha, botelo, androlla, filloas, orellas, rosquillas de anís, leite frito, etc…

Estas xornadas desenvolveranse todos os venres, sábados e domingos entre o 7 e o 22 de febreiro.

O Concello explica tamén que aqueles establecementos que non dispoñan de cociña (bares enfocados á coctelería etc..) ademais de xogar coma reclamo coa presenza dos postres típicos anteriormente citados coma complemento, terán a posibilidade de participar ofertando unha proposta especificamente deseñada para a ocasión.

Coma elementos distintivos e seguindo a estratexia de potenciación dos produtos locais, está permitida tamén a inclusión de produtos típicos de Vilalba, tales coma o Queixo de San Simón, mel da Serra da Carba ou Roscón de Vilalba, entre outros.

Esta iniciativa xurde tralo éxito obtido pola celebración de Vilalba de Tapas, ou o concurso de tapas, concibido coma a antesala da Feira do Queixo de San Simón da Costa.

Os profesionais que desexen participar nesta I edición do Entroido Gastronómico de Vilalba deberán enviar os seus datos a solicitude á dirección de correo comercio@vilalba.es antes das 15:00h do martes 4 de febreiro.

Os menús (ou pratos) especiais, así coma os cocktails/combinados adecuaranse aos habituais de cociña e barra de cada un dos establecementos participantes. No tocante ás tapas e pinchos especiais, o horario será unificado: de 13:00-15:00 e de 20:00-23:00h.

O prezo é completamente libre para cada local adecuándose ao habitual.

O Concello axudará nesta iniciativa con cartelería e impresion, difusión desa iniciativa nas redes sociais e a presentación da mesma, que terá lugar o 6 de febreiro.