Skip to main content
Actualidade

As Pontes insta de xeito unánime á modificación da lei do sector eléctrico

Por 4 Febreiro, 2020Sin comentarios

Os grupos políticos con representación no Concello das Pontes asinaron un acordo, de forma unánime, instando á modificación da Lei do Sector Eléctrico, no tocante á capacidade de acceso de evacuación dos nós da rede e da concesión de uso privativo das aguas relacionadas cos peches das centrais térmicas de carbón.

A corporación municipal entende, que é “necesario, obrigatorio, e urxente introducir aspectos correctores, desde o punto de vista de xustiza social e transición xusta, nos mecanismos de acceso ás redes e ás concesións de auga nos territorios afectados polos peches de centrais térmicas, de forma que os recursos actúen como vectores de crecemento económico nos territorios afectados”.

Por estos motivos instan ao Goberno de España a modificar a disposición adicional vixésima segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do Sector Eléctrico e a disposición adicional décimo sexta do texto refundido da Lei de Augas, aprobado por Real Decreto Lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, para que o outorgamento dos permisos de acceso e conexión se implanten, na súa totalidade, nos municipios afectados polo peche e/ou nos concellos limítrofes e ampliar o tipo de proxectos que poden acceder a estes nós de evacuación.

Este acordo será remitido a todos os concellos dos territorios limítrofes e aos concellos membros da Asociación Nacional de Municipios por unha Transición Enerxética Xusta.

De xeito paralelo, a corporación municipal reiterou a urxencia en canto á necesidade de que o goberno do Estado e a Xunta de Galicia, comprometan o seu apoio técnico, administrativo e económico ao Concello das Pontes para o desenvolvemento urxente de solo industrial e a súa colaboración na captación, nun curto-medio prazo, de proxectos alternativos creadores de emprego e de interese socioeconómico.

Así mesmo instan ao goberno de España a creación, de forma urxente, da Mesa Local para unha transición enerxética xusta para As Pontes.