Estase a instalar un Punto de Atención Móbil sanitario no concello das Pontes

Onte o Sergas iniciou o operativo para a instalación dun Punto de Atención Móbil, no concello das Pontes, para atender á poboación do municipio durante a execución das obras de mellora do interior do centro de saúde.

Este dispositivo está composto por dous módulos, de 17 metros de lonxitude, similares aos “fingers” dos aeroportos, cunha superficie total de 110 metros cadrados e adaptados para as persoas con mobilidade reducida.

Configuraranse coma un centro de saúde para levar a cabo a mesma actividade asistencial que se desenvolve, na actualidade, no centro sanitario pontés. Neste punto de atención móbil traballarán os mesmos profesionais que atenden aos doentes.

A montaxe do PAM, que estará situado á dereita da entrada principal do centro de saúde, comezará o venres. Tras un período de adaptación dos profesionais sanitarios, comezarán as consultas nesta unidade. Os doentes deberán achegarse ata o mostrador habitual do centro de saúde e alí lles indicarán a consulta na que serán atendidos.

Etiquetas