O BNG de Riotorto denuncia o estado “intransitable” de varias pistas

O BNG de Riotorto denuncia o deterioramento do firme de varias pistas empregadas a diario polos veciños para acceder aos seus terreos. A formación nacionalista sinala, en concreto, o estado en que se atopan algunhas vías da parroquia de Santa Marta, onde os traballos de corta e transporte de madeira deixaron intransitables camiños de uso público, e critica a deixadez do goberno do Partido Popular que non esixe a súa reparación aos causantes dos desperfectos.

“Cada vez que nos interesamos por esta cuestión nas sesións plenarias, o alcalde responde que as pistas municipais son arranxadas unha vez que se saca a madeira e cando o tempo o permite, pero á vista está que iso non é certo”, explican desde a formación nacionalista.

Lembran que unha das primeiras decisións adoptadas polo goberno do Partido Popular foi aprobar un convenio coa Asociación Provincial de Empresarios de Primeira Transformación da Madeira que incumpre a ordenanza municipal vixente e que exime aos madeiristas de depositar unha fianza ao inicio dos traballos. “O alcalde antepuxo os intereses da asociación de empresarios aos dos veciños e estas son as consecuencias”, conclúen os nacionalistas.

O BNG tamén criticou o autoritarismo do alcalde, Clemente Iglesias, que “emprega todo tipo de recursos para evitar render contas e dar explicacións ante as preguntas que formula a oposición”.

Neste sentido, a formación nacionalista sinalou o silencio e a falta de interese do goberno municipal en relación co proxecto iniciado durante o goberno do BNG para habilitar espazos expositivos nas escolas parroquiais reformadas.

“Eses museos que se crearon con obxectos e materiais cedidos pola veciñanza seguen sen abrir, unha clara mostra do menosprezo deste goberno municipal en relación coa cultura e co patrimonio propio”.

Etiquetas