Rosa Arneiros presenta en Vilalba o seu novo libro

O Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia organizan o vindeiro venres 14 de febreiro de 2020, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a presentación do libro Tres bichoconas, dúas illas e unha serea, de Rosa Arneiros, editado por Edicións Xerais de Galicia, publicación gañadora do II Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade que convocaran no ano 2018 as tres entidades antes mencionadas.

No acto intervirán: a propia autora do libro, Rosa Aneiros; o director de Edicións Xerais de Galicia, Fran Alonso; a alcaldesa do Concello de Vilalba, Elba Veleiro, e a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro.

Na sipnose do libro explícase como Edelmira odia dúas cousas por riba de todo: a nata do leite e o seu nome. A primeira consegue eliminala cun coador vello que a acompaña a todas as partes, pero da segunda non hai maneira de librarse. Chámanlle así polo avó Edelmiro, e el tampouco lle gusta nada porque é un verdadeiro túzaro. Por iso, cando o seu pai lle anuncia que pasará o verán soa co avó en Marabilia, Edelmira non pode crelo. Van ser uns meses terribles!

Mais todo muda na aburrida aldea coa chegada de dous nenos, André e Daniel, cos que
inicia arriscadas expedicións na procura de corsarios choscos, frotas de flamengos e gatos con cola de dinosauro. Ata que algo aparece inesperadamente no mar para mergullalos nunha extraordinaria aventura que os converterá en afoutos bichicomas.

Etiquetas