A subdelegada de Lugo destaca os 1.400 novos afiliados á Seguridade Social no último mes

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Isabel Rodríguez salienta o dinamismo do emprego xuvenil e a consolidación dun mercado laboral máis estable e de maior calidade
isabel-rodriguez-plan-resilencia
4 Aug 2025

A subdelegada en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou esta mañá os bos datos de emprego da provincia tras publicarse o balance de afiliación á Seguridade Social correspondente a xullo de 2025. “Lugo continúa a tendencia positiva e sitúase con 129.416 persoas afiliadas, un aumento de 1.450 con respecto a xuño, o que representa un crecemento do 1,13 %, por riba da media galega e estatal”, afirmou.

Desde a entrada en vigor da reforma laboral a finais de 2021, Lugo gañou máis de 5.500 afiliados, consolidando un mercado laboral máis robusto, con máis emprego xuvenil, máis afiliación feminina e unha tendencia á estabilidade contractual. A subdelegada puxo en valor que “os datos de Lugo confirman que as políticas activas de emprego e a nova lexislación laboral están a ter un impacto positivo tamén na provincia, favorecendo especialmente ás persoas mozas e ás mulleres”.

Do total de afiliados, 97.274 pertencen ao Réxime Xeral, mentres que os traballadores autónomos superan os 30.700. A evolución interanual tamén é positiva: Lugo conta con 1.451 afiliados máis que hai un ano, o que supón un incremento do 1,13 %, mantendo un ritmo de crecemento sólido nun contexto de recuperación e modernización do mercado laboral.

A subdelegada subliñou, ademais, que “a estabilidade e a calidade do emprego son claves para fixar poboación no territorio, e os datos amosan que Lugo avanza nesa dirección”. A nivel galego, a comunidade supera o 1.113.000 afiliados, cun incremento de 20.112 persoas no último ano.

⚙ Configurar cookies
0.23467183113098