Skip to main content
Guitiriz

Ata 26 artesáns ensinarán a súa produción na XXIV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas

Por 2 Agosto, 2017Agosto 9th, 2017Sin comentarios

Un ano máis a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s (AGG), a través da comisión de artesáns, achégase ata o Festival de Pardiñas para organizar a que será a “XXIV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional”.

A mostra, que cumpre xa 24 anos, abre de novo as súas portas para acoller durante esta fin de semana a exposición de 26 artesáns. Consagrada como a máis antiga e importante da Península Ibérica, é un referente indispensable da música tradicional onde se pode ver un amplísimo abano de instrumentos tradicionais como gaitas, requintas, frautas, zanfonas, tambores, bombos, pandeiretas, trompas, violíns…

Os artífices destes instrumentos, traballan día a día no desenvolvemento de novas liñas de investigación destinadas a especializar e perfeccionar técnicas de elaboración que permitan mellorar a calidade dos seus produtos. Todo este traballo fai posible que a artesanía dos nosos instrumentos tradicionais sexa recoñecida e valorada no mundo enteiro e que a nosa música goce da boa saúde que ten na actualidade. Como nas pasadas edicións, na mostra non faltará ademais a música e o baile tradicional, que estarán presentes durante a fin de semana a través de actuacións en directo e obradoiros.

XXIV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional

O sábado ás cinco da tarde terá lugar a apertura da mostra, nesta ocasión teremos o pracer de contar co gran Mestre Antón Corral, a quen teremos o pracer de escoitar no pregón.

Antón Corral toma contacto coa música moi novo. Os seus dotes permítenlle ingresar na Banda de Infantería de Santiago, onde perfecciona a técnica de clarinete, óboe, saxo tenor ou gaita. En 1957 volve a Lugo, dá clases de gaita e forma parte de grupos como Os Montes. En 1959 casa con Isaura Fernández e faise viaxante comercial. En 1973 convértese en construtor de gaitas e pronto é o artesán da Deputación de Lugo con Jesús Pérez. En 1979, xa en Ortigueira, forma parte do proxecto do septimino, dirixe a escola de instrumentos tradicionais e crea o seu primeiro grupo didáctico. En 1981, en Lugo de volta, rexenta o taller “Soutelo de Montes”. En 1983 é o guía da escola de instrumentos tradicionais da UP en Vigo; alí xeraríase toda unha estirpe de músicos e artesáns. Dende o 2008 reside en Tui, onde forma ao seu neto Ramón Corral, actual artesán do Obradoiro Antón Corral.

Para continuar a xornada, ás seis da tarde, poderemos desfrutar do virtuosismo da xove promesa do violín Fernando Meireles. Na ruleta rusa dos xenes, o talento fica moitas veces de fóra.

Outras, como quen finta a bioloxía con toques de expresión artística, parece chegar en herdanza directa. Fernando Meireles é un exemplo claro desoutras veces. Fillo dun reputado instrumentista (e construtor de instrumentos) portugués, de quen tamén herdou o nome, o músico de 10 anos é xa unha promesa confirmada na interpretación do violín. Na Mostra tocará ao lado do pai, nun concerto que promete ser frenético e singular, percorrendo a memoria de varias tradicións musicais, tanto portuguesa como europeas.

Ás sete e media da tarde, será o momento de saber quen será o afortunado gañador do sorteo do tambor, xenerosidade do artesán Xaneco, quen doará o instrumento.

A xornada do domingo iniciarase ás once e media da mañá coa apertura da mostra, seguido ás doce e media dun Obradoiro de Treboada da man do artesán e gaiteiro Oli Xiráldez, no que teremos a oportunidade de desfrutar e coñecer mais sobre esta formación instrumental típica da comarca do Baixo Miño, formada orixinariamente por unha gaita de barquín, un tambor e un ou dous bombos de grandes dimensións, e que ao longo do pasado século foise modificando, aumentando o número de bombos, e substituíndo a gaita de barquín pola de sopro directo.

Xa pola tarde, ás cinco e media terá lugar o Obradoiro de Baile Tradicional, con Montse Rivera, Directora durante cerca de 9 anos do corpo de baile e pandereteiras da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, e dende o 2012 ata a actualidade leva a direción do Grupo de Baile Brincadeira. Desenvolve unha incesante actividade como mestra de baile, pandeireta e canto tradicional galego tanto a nivel nacional, como internacional.