En paddle surf está programada unha limpeza do río Miño coa Asociación Galega de Custodia do Territorio para o sábado 19 de agosto coa colaboración do colectivo COGE3.
“Os ríos galegos presentan unha elevada problemática de conservación debido ao lixo que chega a eles e que, trala súa desembocadura, chegan aos nosos mares. Con esta actividade pretendemos chamar a atención sobre esta problemática e poñer o noso gran de area para contribuír na súa mitigación”, segundo indican dende a asociación.
A xornada comezará ás once da mañá na Casa das Ínsuas onde se realizará a limpeza no seu entorno, tanto en táboas de paddle surf coma polos arredores.
A organización recomenda levar roupa e calzado axeitado para o río, así como comida e bebida para o xantar. A inscrición, gratuíta, pódese formalizar na páxina web da AGCT.