Skip to main content
A PastorizaSociedade

Bretoña honra a Santa María do 18 ao 20 de agosto

Por 16 Agosto, 2017Sin comentarios

Cunha comisión integrada por cinco persoas elixidas por sorteo en representación dos distintos barrios da parroquia -Pili, José Antonio, Aurora, Edelmiro e José-, Bretoña celebra as festas grandes de agosto na honra a Santa María entre o venres 18 e o domingo 20 de agosto.

O venres a verbena correrá a cargo da orquestra Principal, de Mondoñedo, e Os Breogáns que, en ocasións, ensaian en Bretoña.

O sábado trala misa da unha e media e a procesión, Palladium amenizará a sesión vermú e repetirá pola noite con Los Satélites. De feito, a comisión defende que “pretendemos ofrecer música para tódolos públicos”. Se ben é certo que “nos gustaría traer a outras orquestras, xa non estaban dispoñibles para estas datas”.

O domingo, co financiamento do programa Musiqueando da Deputación, o grupo Pingarela ofrecerá un pasarrúas. E trala misa da unha e a posterior procesión, a sesión vermú correrá a cargo da orquestra Alianza que repetirá pola noite na verbena.

Xa o 8 de setembro, día da patroa, os veciños e veciñas da parroquia reuniranse de novo no campo da festa para disfrutar doutra xornada de lecer amenizada por un grupo musical. Tamén haberá xogos pola tarde para nenos e maiores. Nesta xornada elixirase á comisión dos festexos do vindeiro ano.

A comisión ten xa vendido lotería para recadar fondos aos que se unen tamén as colaboracións dos establecementos comerciais que se reflexan no programa e as aportacións dos veciños e veciñas.