Skip to main content
ActualidadeMuras

Charlas e obradoiros en Muras co Plan Agroecolóxico do Concello para 2017-2018

Por 18 Agosto, 2017Sin comentarios

Muras e A Balsa acollerán charlas gratuítas nas vindeiras semanas de profesionais do Espazo Agroecolóxico “A Estruga” coas que profundiaar na aplicación dos conceptos e principios da ecoloxía no deseño, desenvolvemento e xestión dos sistemas agrícolas sostibles.

Trátase de actuacións de dinamización socio-ambiental do Plan Agroecolóxico Municipal do Concello de Muras previstas para o ano 2017 e primeira metade do 2018.

Por agora, sobre “Xestión agroecolóxica de pragas e enfermidades máis comúns na horta” falarán en Muras o mércores 23 de agosto entre as sete e media e as nove e media do serán e o xoves 24 na Balsa á mesma hora.

Xa para o mes de setembro están programadas outras sobre o tratamento postcolleira na horta. Será o xoves 21 en Muras e o venres 22 na Balsa tamén entre as sete e media e as nove e media do serán.

De cara ao 2018 están programadas outras charlas sobre o “deseño agroecolóxico da horta” en febreiro e un “obradoiro de compostaxe” en marzo.

Obradoiros

Ata un total de catro obradoiros se desenvolverán ao amparo deste programa. De cara ao fomento da alimentación sa e natural sen conservantes e aditivos e a recuperación de procedementos para a conserva dos alimentos, o local social de Muras acollerá un obradoiro de “tecnoloxía e conservación dos alimentos” o 7 de outubro en horario de mañá e tarde.

Igualmente, ao longo de toda a xornada desenvolverase un obradoiro de “iniciación á micoloxía e cociña de cogomelos” o 25 de novembro no local social de Muras, outro de “fruticultura e silvicultura” o 2 de decembro no local social de Silán e outro de “planta aromáticas, medicinais, culinarias e as súas aplicacións” o 5 de maio no local social do Viveiró.

Inscricións

Estas actividades diríxense ás persoas interesadas en introducirse ou ampliar coñecementos en agroecoloxía, se ben teñen preferencia as empadroadas no concello. Os interesados e interesadas poden inscribirse e solicitar información na Casa do Concello, no teléfono 982 500 001 ou a través do enderezo electrónico mediorural@muras.gal.