Skip to main content
Actualidade

O Goberno da Deputación aproba rehabilitar o Fogar de Santa María para ampliar servizos provinciais como o de Recadación

Por 21 Agosto, 2017Sin comentarios
Álvaro Santos, explicaba en rolda de prensa os acordos da xunta de goberno.

Álvaro Santos, explicaba en rolda de prensa os acordos da xunta de goberno.

O Executivo Provincial aprobou na Xunta de Goberno o proxecto de rehabilitación do Fogar de Santa María, así como o inicio do seu proceso de contratación, co obxectivo de ampliar servizos que a Deputación presta aos Concellos e veciños da provincia, como o de Recadación. Previsiblemente, esta semana publicarase no Boletín Oficial da Provincia o proxecto para que todas as empresas interesadas presenten as súas ofertas. O presuposto máximo que destina o organismo provincia é de 1,8 millóns de euros (335.000 euros con cargo ao orzamento deste ano e 1,5 millóns do de 2018). O prazo máximo de execución das obras é de 10 meses. O presuposto definitivo das obras e o prazo de execución das mesmas dependerá das propostas recibidas.

Así o informou este luns o voceiro do Goberno da Deputación. Álvaro Santos Ramos explicou que o proxecto implica a rehabilitación integral de 2 dos 9 pavillóns que conforman o Fogar de Santa María. “Con estas obras poñemos en valor o patrimonio público en beneficio de todos os veciños e reforzamos as prestacións que ofrecemos aos Concellos, ganando espazo para unha mellor atención”.

Trátanse do edificio principal e do pavillón 2 cuxo uso por parte do Concello de Lugo está cedido á Deputación por 99 anos. Para a súa rehabilitación, os técnicos de ambas as dúas administracións acordaron un proxecto axustado ao PEPRI, polo que non require de máis permisos que a licencia municipal que xa se está a tramitar.

Servizos e obras
Na planta baixa do edificio principal do Fogar de Santa María situarase Recadación, un dos servizos provinciais con maior carga de traballo, pois a día e hoxe asume a de 62 Concellos. Actualmente, esta prestación atópase nun local alugado na rúa Tui da capital luguesa, que conta cunha extensión de 450 metros cadrados. Coa súa reubicación, Recadación duplicará a súa extensión útil, ocupando 900 metros cadrados. Ademais, a Deputación aforrará 3.200 euros mensuais do aluguer.

Na primeira planta do edificio principal, que conta con outros 900 metros cadrados, situaranse o departamento de Cooperación cos Concellos, que conta con servizos como o de Asistencia Económica, Xestión Administrativa, Plans Especiais ou Urbanismo, entre outros, ademais do de Medio Ambiente. E no baixo cuberta, con practicamente a mesma extensión, haberá un arquivo propio destas dependencias.

O outro pavillón é o 2, con 700 metros cadrados útiles en 2 plantas de 350 metros cada una. Neste instalarase o departamento de Asesoría Xurídica, outro dos departamentos que foi adquirindo máis carga de traballo, pois hoxe atende a numerosas cuestións de todos os Concellos da provincia.  Tamén contará cun arquivo propio na zona alta.

As obras en todas as dependencias implican a mellora das fachadas e a rehabilitación integral dos interiores, adaptándoas ás necesidades dos distintos departamentos e facéndoas accesibles a persoas con capacidades diferentes. Por exemplo, situaranse ascensores ou ramplas. Tamén se mellorarán os sistemas de calefacción e climatización para que o edificio sexa máis eficiente e aforrar custos correntes.

Proxecto máis vantaxoso en defensa do intereses dos cidadáns
O Goberno Provincial traballou na procura do proxecto máis vantaxoso en defensa do intereses dos cidadáns como responsable da xestión dos fondos públicos de todos os veciños dende a Deputación de Lugo. Unha das alternativas estudadas foi a compra do edificio da Cámara de Comercio para levar ao mesmo Recadación. Esta descartouse por cuestións económicas e legais. A suma da compra deste inmoble e das obras de reconstrución era máis custoso que a rehabilitación do Fogar de Santa María. A maiores, coa adquisición deste edificio a Deputación de Lugo adquiriría outras cargas que puidese ter a Cámara de Comercio. A fórmula legal de venda deste edificio é o concurso. A compra directa requirise dunha clara xustificación da súa idoneidade para que se axuste á legalidade. Coa rehabilitación do Fogar de Santa María afórranse cartos públicos e mellorase o patrimonio público dos lucenses. Hai que ter en conta que estas instalacións son do Concello de Lugo e están cedidas á Deputación máis alá do 2040, así como que chegada esta data e no caso de que o Concello quixese recuperar o seu uso municipal tería que abonar ao organismo provincial as melloras feitas. Ambos os dous Gobernos (provincial e municipal) apostan pola posta en valor e uso público do Fogar de Santa María e estudan máis colaboracións para reforzar o seu uso público sen máis custos económicos para as administracións que xestionan.