Skip to main content
ActualidadeCospeito

Colectivos veciñais e deportivos de Muimenta reclaman o mantemento do servizo de bus ata a capital da provincia

Por 22 Agosto, 2017Sin comentarios

Cinco colectivos veciñais e deportivos de Muimenta reclaman o mantemento do servizo de bus que ata o pasado luns 7 de agosto percorría as parroquias de Muimenta, Outeiro, Bazar, Arneiro, Momán, Rubiños, Xustás, Castro Ribeiras de Lea e Duarría, con destino á capital de provincia.

Nese sentido, veñen de presentar este martes 22 de agosto no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia en Lugo sendo escritos dirixidos a Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, así como ao Director Xeral de Mobilidade e ao Delegado Territorial da Xunta de Galicia na nosa provincia.

Igualmente, presentaron copia dos mesmos escritos tamén ante os alcaldes de Cospeito e Castro de Rei, xa que son os veciños e veciñas de parroquias dos seus concellos os principais prexudicados pola supresión da liña de servizo de transporte público.

Os prexudicados, os maiores
Os colectivos poñen de manifesto que coa actual distribución realizada pola Xunta de Galicia ditas parroquias quedan sen un servizo directo de bus ata a capital de provincia como viñan tendo dende antes da década dos 60. Os principais prexudicados están a ser a xente maior, xa que na maioría dos casos non dispón ou ben de permiso de conducir ou de vehículo propio ou a súa avanzada idade non lles permite realizar viaxes longos e, polo tanto, quedarían sen un servizo importante para eles e as súas necesidades, sobre todo, cando deben acudir ao HULA.

Tamén botan de menos que ao longo deste proceso non se houbese dado voz aos principais beneficiados ou neste caso, prexudicados desta nova regulación, escoitando de primeira man as necesidades dos usuarios do transporte público, na maioría dos casos, acudir, por exemplo, a primeira hora a facer as súas probas ou visitas médicas ao hospital. “En ningún momento se informou aos usuarios e veciños do pobo, do concello e da comarca de cales serían as novas rutas, horarios, etc.”. E “aproveitar o bus escolar, como se pretende coa nova regulación, na maioría dos casos, non sería factible nin operativo”.

Polo tanto, os colectivos solicitan unha revisión a fondo do mesmo, xa que a poboación rural en xeral, e desta comarca e destes pobos en particular, vaise ver afectada moi directamente no uso que realizaba do servizo de bus para acudir á capital de provincia onde se encontran a maioría dos servizos, en particular ao Hospital Universitario Lvcvs Augusti a onde se ten que acudir, na maioría dos casos, a primeira hora.

A Asociación Cultural e Veciñal “Aquilino Iglesia Alvariño”, a Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta, a Asociación Cultural, Veciñal e Deportiva “Xotramu”, a Sociedade Deportiva Muimenta e o Club de Tenis de Muimenta reivindican así a vida e os servizos para o rural; xa que “non todo é a rendibilidade económica, tamén existe a rendibilidade social”.