Skip to main content
ActualidadeCultura TERRACHÁXAMeiraRiotortoSociedade

Un roteiro para reivindicar “un Día das Letras para Avelino Díaz”

Por 24 Agosto, 2017Sin comentarios
As persoas participantes no III Roteiro por Avelino reivindicaron ao seu remate "Un Día das Letras para Avelino Díaz".

As persoas participantes no III Roteiro por Avelino reivindicaron ao seu remate “Un Día das Letras para Avelino Díaz”.

O domingo 3 de setembro celébrase o IV Roteiro por Avelino nunha xornada que pretende xuntar, unha vez máis, persoas de todas as procedencias, condicións e ideoloxías para divulgar a figura do poeta e reclamar para el un Día das Letras.

O roteiro partirá ás once da mañá, e por primeira vez, da Praza do Concello e da Igrexa de Meira para percorrer os 9,5 km que os separan da casa natal de Avelino na Órrea, na ruta que sube suavemente ata o alto dos Xuncás, fronteira natural entre a Terra Chá e a Terra de Miranda, para baixar despois polos montes de Candedo ata a ribeira do río Mourín, xa na Órrea. Nun punto específico do traxecto colocarase o terceiro chanto de homenaxe, da autoría do escultor e activista cultural Manolo Pardo. Será o terceiro dunha serie que se pretende continuar ano a ano. Pasarase tamén polo lugar da Pena, saíndo de Meira, onde Avelino viviu con súa nai.

A xornada rematará no lugar da Eirexa, no campo da festa da Órrea, cun xantar popular no que haberá un pequeno acto literario e diferentes xogos tradicionais para todas as idades propostos pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional.

Para participar no xantar é necesario retirar os tiques na Librería O Pedregal de Meira ou na Taberna de Montse na Órrea.