Skip to main content
ActualidadeCospeito

O delegado territorial desprázase a Cospeito para favorecer o encontro cos colectivos interesados en mellorar a conexión en bus de Muimenta con Lugo

Por 28 Agosto, 2017Sin comentarios

Continúan avanzando os contactos dirixidos a introducir melloras no plan de transporte público por estrada que faciliten a conexión entre a localidade de Muimenta e a capital da provincia.

De feito, na mañá deste mesmo luns, tivo lugar un encontro na Delegación territorial da Xunta en Lugo no que participaron, ademais do propio delegado, José Manuel Balseiro, o alcalde de Cospeito, Armando Castosa e o concelleiro do equipo de goberno de Muimenta, Daniel Paz Carballeira, ademais da xefa do servizo de Mobilidade de Lugo, Pilar Represa.

Ao final nesta primeira xuntanza non puideron estar presentes os representantes das asociacións de Muimenta que asinaron o escrito no que se reclamaba introducir cambios nas novas liñas de transporte por autocar. Desde o colectivo nun novo escrito alegaron falta de dispoñibilidade por cuestións laborais da maioría dos membros.

Desde a Delegación territorial da Xunta consideran que debidamente representadas non sería necesario que estiven todas as asociacións presentes, pero para facilitar que poida ter lugar este segundo encontro co maior número posible dos membros destes colectivos comprométense a desprazarse a Cospeito para manter unha nova reunión, que terá lugar na Casa Consistorial na data e horario que mellor conveña a estes colectivos

No encontro tamén tiveron oportunidade de analizar o uso que ata o de agora rexistrou a liña directa de autocar que unía Muimenta con Lugo cidade. En concreto explicaron que, con datos oficiais rexistrados desde novembro de 2015 ata outubro de 2016, se contabilizaron 179 desprazamentos.

O compromiso do delegado da Xunta é ir ata Cospeito, e aproveitar ese novo encontro para presentar unha proposta de mellora que intentarán consensuar co Concello e cos colectivos, na procura de impulsar unha fórmula que sexa satisfactoria para todos.