Taboada y Ramos S.L.

A Xunta inxectou neste 2017 máis de 3 millóns de euros en axudas para incorporación de mozos o rural de Lugo

A Xunta de Galicia vén de abonar, no que levamos de ano, máis de tres millóns de euros en axudas directas para a primeira instalación e incorporación de mozos ao rural, unha cifra que se irá ampliando ao longo dos próximos meses.

O obxectivo destes apoios, segundo destacou o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, “é favorecer o relevo xeracional no sector agrario e gandeiro da nosa provincia e contribuír a revitalizar o medio rural lucense mediante o asentamento de poboación e a creación de novas oportunidades económicas e laborais”.

Cos últimos datos oficias (correspondentes á convocatoria de 2016) un total de 268 persoas menores de 40 anos víronse beneficiadas destas axudas da Xunta na provincia de Lugo. Esta cifra dá imaxe do peso específico que o medio rural lucense ten no conxunto de Galicia, xa que supón preto do 40% do total de beneficiarios desta axuda no conxunto da comunidade.

A recente inxección de 3 millóns de euros para novas incorporacións, supón que no que levamos de ano preto de 180 dos beneficiarios presentaron a súa xustificación e xa recibiron a axuda que oscila entre 15.000 e 42.000 euros. Os pagos da Xunta continuarán completándose nos vindeiros meses ata chegar a esa cifra de 268 mozos e mozas lucenses beneficiarios da axuda.

A Consellería do Medio Rural aproba con carácter anual unha liña de axudas para a incorporación de mozos á actividade agraria e para a realización de plans de mellora nas explotacións, ambas xestionadas pola Xunta. Nas últimas convocatorias tanto o número de solicitudes como o de beneficiarios vén de incrementarse substancialmente.

Balseiro conclúe insistindo en que, “a pesar das dificultades propias do medio e da crise que sen dúbida tamén ten e tivo a súa repercusión no sector, os datos demostran que o medio rural ten futuro e que medra o interese por traballar e vivir no agro”.

Etiquetas