Skip to main content
ActualidadePol TERRACHÁXA

A Xunta iniciará as obras da rede camiños municipais na reestruturación parcelaria de Santo Estevo de Pol

Por 5 Setembro, 2017Sin comentarios
Representantes da Xunta mantiñan un encontro cos propietarios e o alcalde antes de iniciar os traballos de limpeza.

Representantes da Xunta mantiñan un encontro cos propietarios e o alcalde antes de iniciar os traballos de limpeza.

A Consellería do Medio Rural iniciará ao longo destes mes de setembro as obras da rede de camiños principais na zona de reestruturación parcelaria de Santo Estevo de Pol. Os traballos desenvolveranse cun prazo de execución de doce meses e a administración autonómica destina para este fin un orzamento de entorno aos 500.000 euros, cofinanciados ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante unha visita á zona na que tamén indicou que hoxe mesmo tivo lugar unha xuntanza cos propietarios para determinar os traballos previos de limpeza e retirada de madeira que deben acometerse antes de iniciar as obras dos camiños.

A administración autonómica prevé actuar  sobre 9.272 metros creando toda unha rede de camiños que non só darán servizo as futuras áreas de cultivo senón tamén servirán para vertebrar o territorio conectando coas infraestruturas e núcleos de poboación limítrofes e co resto de vías municipais.

Vital para o desenvolvemento do rural e do seu potencial agrario

Balseiro salientou a importancia destas actuacións para a veciñanza de Santo Estevo de Pol e indicou que “a mellora nas infraestruturas no rural, aparellada ao novo avance desta reestruturación parcelaria, é vital para o desenvolvemento económico e agrario da poboación do rural, e todos os esforzos encamiñados neste sentido serán prioritarios para a Xunta”

A parcelaria da Zona de Santo Estevo de Pol foi acordada polo Decreto 95/2011, do 12 de maio, publicado no DOG nº 102 do 27 de maio de 2011. Na actualidade atópase na fase de bases definitivas firmes, estando en trámite a contratación do Acordo de Concentración, seguinte paso administrativo segundo a lexislación sobre reestruturación parcelaria vixente.

Neste proceso de reestruturación parcelaria, a Xunta actúa sobre 340,9 hectáreas que afectan a 88 propietarios. No municipio de Pol xa remataron, fai anos, outros procesos de concentración nas parroquias de Caraño, San Andrés de Ferreiros, San Martiño de Ferreiros, Santa María de Valonga, Silva – Eirón e Torneiros.

Cómpre lembrar que a nova Lei 4/2015, do 17 de xuño, de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia (Metaga) busca impulsar todos estes procesos e conseguir o máximo aproveitamento agrario da zona, e non exclusivamente o menor número de parcelas. Ademais establece prazos moito máis reducidos co obxecto de axilizar ao máximo todos os trámites.

Balseiro remata lembrando que a construción dos camiños principais farase respectando as recomendacións da declaración de impacto ambiental (DIA), en especial as relativas aos valores paisaxísticos, ambientais e do patrimonio cultural da zona.