O Vilalba FS presenta o equipo feminino cun partido ante o Castro FSF

O Vilalba FS presenta ao seu equipo feminino o sábado 9 de setembro a partir das sete da tarde no pavillón municipal onde se medirán ao Castro FSF. Será o primeiro encontro do conxunto que dirixirán José López e “Miloso” na vindeira temporada na Primeira Galicia feminina de ámbito provincial que comezará en outubro e ante un rival que militará nunha categoría superior ao lograr o ascenso a pasada temporada.

O presidente do club, Álvaro Fraga, asegura que “temos moita ilusión neste equipo. Xa barallabamos a creación da sección feminina nos últimos tres anos, pero foi agora co empurrón das xogadoras vilalbesas Antía e Sabela que militaron estas temporadas en varios equipos de Galicia cando se fixo posible”.

A iniciativa tivo moi boa acollida non só en Vilalba, senón tamén no resto da comarca da Terra Chá. De feito, “moitas rapazas, pais e nais puxéronse en contacto con nós”. Así, contan cun bo grupo co que realizar unha boa temporada e converterse nun referente no fútbol sala feminino da comarca chairega.

A pesar de que tamén estaba prevista a celebración do V Memorial Francisco Javier González, vén de ser aprazado por causas alleas á vontade do Vilalba F.S. “Debido á celebración nestas datas dos oitavos de final da “XXVII Copa Galicia de Fútbol Sala” para as que o Vilalba F.S. está clasificado foi imposible conseguir un equipo da talla que merece a homenaxe”, segundo apunta a directiva do club que “xa está barallando varias datas e equipos para a celebración do Memorial dedicado a unha das persoas que máis traballaron polo deporte vilalbés en xeral e polo fútbol sala en particular”.

Nova web
Co obxectivo de mellorar o acceso á información sobre os equipos de tódalas categorías incluídas as Escolas Deportivas Municipais, o Vilalba FS estrea nova web. É outra mostra máis do compromiso do club co fútbol sala en Vilalba.

Etiquetas