Skip to main content
Actualidade

O Grupo do PP critica que a Deputación dea prioridade a Lugo no eido cultural en detrimento do resto dos concellos

Por 19 Setembro, 2017Sin comentarios

O Grupo do Partido Popular critica que a Deputación estea a dar prioridade á cidade de Lugo no eido cultural en detrimento do resto dos concellos da provincia, aos que limita as axudas que destina nesta área aos 8.000 euros. Os populares, que se postulan en defensa da colaboración do organismo provincial co desenvolvemento de iniciativas no ámbito cultural, consideran que o reparto dos fondos públicos “debera ter como prioridade aos concellos de menos de 20.000 habitantes”.

Os populares informan de que esta mañá en Mesa de Contratación vén de ser aprobada a adxudicación para a contratación dun espectáculo musical a efectuar o día 4 de outubro polo artista Foran Bregovic, con motivo da apertura das festas de San Froilán. Este concerto suporá a todos os veciños da provincia un coste de 51.425 euros por só unha hora de actuación. Ademais, os populares tamén censuran que esta adxudicación fose aprobada tras cursar só convite a unha empresa, neste caso a Sweet Nocturna S. L.

Dende o Grupo Provincial do Partido Popular lamentan que a Deputación de Lugo non estea a realizar unha boa xestión dos fondos públicos e se limite a malgastar o diñeiro de todos os lucenses, sen optimizar o seu rendemento.

Ademais, os populares tamén se referiron que, por exemplo, en xullo o Goberno da Deputación presentou o Programa Ágora Cultural 2017, que só cubriu oferta en Lugo capital, durante os meses de xullo, agosto e setembro. Así, dende o Partido Popular xa defenderon en Pleno a necesidade de destinar recursos económicos da institución provincial a levar a cabo actividades culturais en todos os concellos da provincia, sobre todo naqueles de menos de 20.000 habitantes.

Esta situación dáse mentres, segundo exemplifican os populares, no Plan Único Provincial de Cooperación con todos os concellos da provincia se limitan as contías económicas destinadas ao desenvolvemento de actividades culturais. Así, as bases de dito programa establecen que con cargo aos fondos do Plan, os concellos só poderán destinar a actividades culturais ata un máximo de 8.000 euros; o mesmo teito de gasto se impón no que se refire a actividades deportivas; mentres que a contía descende a 6.000 euros no relativo á promoción turística local, feiras, mercados e festas de exaltación de produtos e recursos locais ou profesións.

Polo tanto, mentres a meirande parte dos concellos se vén obrigados a facerlle fronte eles mesmos as súas festas, o Concello de Lugo ten que recorrer á Deputación para sacar adiante o programa das festas do San Froilán. Lamentan que a alcaldesa non sexa capaz de financiar e organizar unhas festas declaradas de interese turístico e que teña que esperar a última hora para que a socorran os seus compañeiros na Deputación.

Por todo o anterior, o Grupo Popular piden un trato xusto para todos os concellos da provincia.