Bonos consumo Vilalba

“Sospeitoso” para o PP que traballadores en prácticas na Deputación integrasen listas do PSOE

O Grupo Provincial do PP ve “sospeitoso” que traballadores en prácticas da Deputación de Lugo integrasen listas electorais do PSOE e que no proceso de selección fose determinante a entrevista persoal.

Estas circunstancias levaron aos populares a absterse este martes ante a proposta do equipo de Goberno da institución provincial sobre as retribucións do persoal temporal en prácticas. Dende o Grupo Popular consideran que estes feitos xeran “certa desconfianza e invitan, cando menos, á reflexión”.

Os populares defenden que os traballadores en prácticas deben recibir unha remuneración da institución polas tarefas que están a prestar na Deputación, pero tamén consideran que “non se debe abusar da práctica de acudir a este tipo de contratos para que os seleccionados cubran as tarefas que deberían ser desempeñadas por persoal funcionario con praza na RPT”.

Polo tanto, dende o Grupo Popular advirten desta situación, critican que se poida abusar deste proceso de contratación de persoal en prácticas para cubrir tarefas de funcionarios e máis censuran que se poida chegar a utilizar este mecanismo para que “a xente vinculada politicamente entre pola porta de atrás”.

Indicios claros de fraccionamento de contratos
En relación coa conta xeral do Orzamento corresponde ao ano 2016 o deputado Demetrio Salgueiro felicitou ao servizo de Intervención, pero advertiu da existencia dun informe no que figuran indicios claros de fraccionamento de contratos, especialmente os que se refiren á Granxa Gayoso Castro cos mesmos conceptos e próximas no tempo por importe de 294.000 euros.

Explicou que este informe foi entregado aos servizos afectados para alegacións e a mesma Granxa Gayoso Castro non respondeu a esta petición de alegacións. “Isto quere dicir a simple vista que a granxa está levando unha xestión deficiente ou moi deficiente xestionándose como unha vivenda particular ou taberna de aldea máis que como unha institución que manexa parte importante dos fondos desta institución, polo que pedimos que haxa unha aclaración a este respecto”, sinalou.

Desde o PP indican que estas facturas fraccionadas superan o contrato menor e implican unha mala xestión. “O informe será mandado ao tribunal de contas e esperaremos, pero pedimos que se xestione dunha forma máis eficiente porque a maioría son gastos que se sabe que vai haber que habería que mellorar esta xestión”, resumiu o deputado.

O popular aclarou que o fraccionamento do contrato é unha irregularidade e unha ilegalidade, “entón son contratos feitos como contratos menores de traballos que podían ser programados. Sábese que hai que realizalos, non son unha emerxencia e poderían ser programados e sacalos a concurso público como procedería neste caso”, expuxo.

Etiquetas