Skip to main content
ActualidadeSociedadeVilalba

O Centro Ocupacional de Vilalba estrea novos equipos na aula de informática

Por 29 Setembro, 2017Sin comentarios
Inauguración da nova aula de informática do Centro Ocupacional.

Inauguración da nova aula de informática do Centro Ocupacional.

O Centro Ocupacional de Vilalba estrea nova aula de informática trala incorporación de novos equipos donados pola oficina vilalbesa de la Caixa.

A directora do centro, Belén Varela, lembra que “no momento da construcción do centro, xa se habilitara unha aula de informática; pero, co seu uso, o estado dos equipos foise deteriorando ata quedar únicamente dous en funcionamento”.

Así, agradece a colaboración da Obra Social La Caixa indicando que a de informática “é unha das actividades que se desenvolven no Centro Ocupacional que máis lles gusta aos rapaces e rapazas; ademais de ser unha actividade de integración no entorno máis cercano e, sobre todo, como recurso para unha actividade colectiva e de memoria que debemos traballar coas persoas de máis idade”.

Belén Varela non pecha a posibilidade de aumentar o número de equipos; xa que “o espazo dispoñible é amplo”. Con todo, agradece a colaboración de la Caixa e agarda poder colaborar coa entidade noutros proxectos.

O Centro Ocupacional, “a xoia da coroa”

O traballo no Centro Ocupacional ten a súa recompensa. Así o cre o alcalde de Vilalba, Agustín Baamonde, que o define como “a xoia da coroa” pola súa actividade e ben social; a pesar de que supón un esforzo para o Concello.

Lembra Baamonde que este proxecto se puxo en marcha en condicións difíciles comezando a traballar na nave dos Freiros durante catro anos. Despois, “coa colaboración do Concello, a Xunta e entidades privadas, deuse un salto cualitativo ata conseguir unhas instalacións propias. Pero, o mérito correspóndelle ao pobo de Vilalba”, destaca.

O rexedor aproveita a ocasión para agradecer o traballo á directora e aos demais traballadores do centro e pon en valor o esforzo dos usuarios e usuarias por superar as súas dificultades e avanzar na mellora da súa calidade de vida.

Igualmente, agradece a colaboración de la Caixa pola posta en marcha deste sistema de ordenadores.