Skip to main content
Actualidade

Os seis grupos de desenvolvemento rural da provincia xestionarán este ano preto de 3 millóns de euros

Por 29 Setembro, 2017Sin comentarios
Ángeles Vázquez clausurou a xornada do GDR4 en Lugo.

Ángeles Vázquez clausurou a xornada do GDR4 en Lugo.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou que os seis grupos de desenvolvemento rural (GDR) de Lugo xestionarán preto de tres millóns de euros entre este ano e o que vén para impulsar diferentes proxectos no agro desta provincia. Salientou tamén que polo de agora xa se aprobaron con cargo a estes fondos un total de 50 iniciativas, que teñen que ver con eidos coma o agrícola e forestal, os servicios sociais, a promoción empresarial ou a acción cultural e turística, estando prevista a aprobación de máis proxectos nos próximos meses.

A titular de Medio Rural clausurou este venres na capital lucense o seminario Desenvolvemento Rural Leader, organizado polo GDR Comarca de Lugo, e sinalou que o fin último desta iniciativa europea é conseguir que o agro sexa visto como unha oportunidade real de vida e de emprendemento. Por iso, dixo a conselleira, o Leader é “unha ferramenta básica para o desenvolvemento do rural, que ademais posibilita o acceso das mulleres á vida laboral e facilita avanzar cara á igualdade de xéneros”, xa que favorece proxectos que inciden na conciliación de familia e emprego.

Ángeles Vázquez engadiu que por estes motivos son moitas as iniciativas do Leader orientadas a conseguir a prestación no rural de servizos como garderías ou centros de día, que axuden á poboación a mellorar as súas condicións de vida. Neste contexto situou os seis proxectos aprobados polo GDR Comarca de Lugo, cun orzamento de 830.000 euros. Todos eles, engadiu, “contribúen a acadar o obxectivo xeral de manter un rural vivo, fixando poboación e dinamizando a súa economía”. E fixo fincapé no enfoque “de abaixo arriba” característico do Leader, de forma que a iniciativa de capitanear o desenvolvemento rural parte das propias comunidades locais, organizadas en asociacións como a que xestiona este GDR comarcal.

A conselleira rematou incidindo no significado do Leader, que –advertiu– “é innovación, defensa do patrimonio cultural e natural, fomento das relacións sociais e da cooperación, mellora das dotacións públicas e dinamizador do emprego”. E chegou á conclusión de que todo isto ten como fin último mellorar as condicións de vida do medio rural a través da competitividade empresarial e da posta en valor dos servizos básicos ás familias, “de xeito que se cree un entorno propicio para a fixación de poboación no rural galego”, finalizou.