Skip to main content
ActualidadeTERRACHÁXA

Os socialistas censuran o deseño das medidas preventivas contra a praga da pataca “de costas ás organizacións agrarias”

Por 29 Setembro, 2017Sin comentarios

O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, criticou que a Xunta lle teña pechado as portas da Comisión de seguimento da “couza guatemalteca” ás organizacións agrarias. O responsable socialista presentou unha pregunta oral, na Comisión de Agricultura celebrada este venres, sobre o traballo da dita Comisión.

O responsable socialista lamentou que o goberno galego renuncie a incorporar ás organizacións agrarias a este órgano, o que demostra, dixo, o “escaso interese por escoitar as aportacións que teñen que facer os que traballan no sector” e que están a padecer as consecuencias desta praga.

Pérez Seco preguntoulle ao goberno galego polas conclusións dos traballos deste órgano, aprobado polo Parlamento de Galicia, logo de que no mes de maio comezara a campaña de recollida da pataca afectada pola polilla guatemalteca, e despois de que, xa a 24 de maio, a conselleira dera por controlada a praga nos concellos de A Coruña.

Advertiu que o decreto do goberno galego, que prohibe a plantación na zona infestada durante a lo menos 2 anos, e delimita unha zona tampón de seguridade ao seu arredor, deixa damnificados, como son a gran maioría dos produtores de autoconsumo e unha minoría de produtores profesionais.

Afán recadatorio
Ademais, o responsable socialista aproveitou para preguntarlle ao goberno galego polas sancións que está a impoñer o Ministerio de Fomento aos familiares que colaboran desinteresadamente na colleita de pataca, unha “acción que se pode definir de afán recadatorio”.

Lembra que “a axuda de familiares, amigos e veciños, sen percibir ningunha renda en momentos puntuais é unha práctica desinteresada que sempre se levou adiante tanto en Galicia como no resto de España”.