Skip to main content
ActualidadeVilalba

Música, teatro e humor ata finais de novembro no auditorio municipal de Vilalba

Por 2 Outubro, 2017Sin comentarios

A axenda cultural do Concello de Vilalba para outubro e novembro chega cargada de música, pero tamén de teatro e humor.

O auditorio municipal Carmen Estévez acollerá o domingo 15 de outubro a actuación da agrupación folclórica Cantigas e Agarimos baseada na novela de Xosé Neira Vilas, “Memorias dun neno labrego”. Con todo, trátase dunha proposta multidisciplinar que medra ao longo das diferentes escenas que reflexan a sociedade galega de mediados do século XX: as clases sociais, o éxodo, os costumes ou a rebelión reprimida. O espectáculo conxuga baile e música como recursos obvios, así como outros non tan previsibles pero enormemente relevantes, que acompañan a un reparto de máis de 90 artistas para situar ao público no escenario vital dun neno de aldea, pero dende un punto de vista orixinal.

Xa para o mes de novembro serán tres as actuacións previstas no auditorio vilalbés. David Guapo achegará o seu monólogo #Quenonosfrunjanlafiesta o domingo 12 de novembro a partir das oito e media do serán.

Este espectáculo consolidou a David Guapo como un dos cómicos referentes no panorama nacional. É, polo tanto, unha aposta segura onde o humor, a música e a improvisación mestúranse nun espectáculo único para todos os públicos. O show combina diálogo e música. David fai diálogos e non monólogos, porque as súas actuacións son auténticos intercambios de impresións cos espectadores. É e será un espectáculo divertido e sorprendente con material inédito.

David Guapo é un artista moi próximo, polo que ao final de cada show espera para facerse fotos con todos os seus fans e regalarlles un pequeno presente a cada un, unha púa personalizada co seu logo e a súa web. As fotos posteriormente cólganse na web de David para que todos os fans as poidan descargar gratuitamente.

O venres 17 serán Luar na Lubre os encargados de poñer música no auditorio coa súa xira “XXX aniversario” tamén a partir das oito e media do serán.

A banda elixe para sacar este novo CD de celebración e reafirmación, xa que non é un recopilatorio tradicional, senón que vai máis alá e aporta unha colección diferente de temas “escondidos”, de tesouros “non habituais” pero non por iso menos sorprendentes que os clásicos xa recoñecidos. E aí está a maxia precisamente, na capacidade de sorprender con músicas que forman parte desa traxectoria antes comentada, que brillan con luz propia e que albergan a sosegada tranquilidade que da o tempo.

Unha das sorpresas deste CD é unha versión do mítico tema “Fonte do Araño”, composta polo músico e creador galego Emilio Cao, considerado un dos mestres e guía do espírito da música de Luar Na Lubre; con unha visión diferente da orixinal pero que garda as esencias fundamentais da que compoñeu o autor. A colaboración de Ismael Serrano á voz, Nani García nos teclados e a Coral de Ruada nos coros, converten o tema nunha alquimia de sonoridades que non deixará indiferente a ninguén.

Outras novidades dentro deste recopilatorio/celebración de XXX Aniversario son as versións actualizadas de tres temas, xa gravados anteriormente en sendos traballos, como a clásica irlandesa “Morrison’s jig” da que o grupo fixo unha nova versión diferente coa forza de novos arranxos e a brillante colaboración do magnífico acordeonista galego Víctor Iglesias, o “O soldado desgraciado” con arranxos renovados e con nova sonoridade grazas ás posibilidades técnicas actuais, tamén “Dun tempo para sempre”, unha fermosa melodía feita sobre un poema inspirado na cultura celta.

Por último, o Concello ten previsto a adaptación en teatro musical de “La Bella y la Bestia”, que conta a vida dunha moza brillante, culta e enérxica, habitante dunha pequena aldea xunto ao seu pai, un home tamén soñador e inventor- para o sábado 25 de novembro a partir das cinco e media da tarde.

As entradas xa están á venda na Casa da Cultura e no portal Ataquilla.com. O seu prezo é de 10 euros no caso do espectáculo de Cantigas e Agarimos, 12 o do teatro musical de “La Bella y la Bestia” e 15 tanto o monólogo de David Guapo coma o concerto de Luar na Lubre.