Skip to main content
ActualidadeVilalba

As XSG Vilalba recollen material médico para animais afectados polos incendios

Por 18 Outubro, 2017Sin comentarios

As Xuventudes Socialistas de Vilalba veñen de anunciar unha campaña de recollida de materiais médicos para os animais domésticos e salvaxes afectados polos incendios, especialmente na zona do Concello de Cervantes. Para iso, poñen a disposición a sede do partido socialista, situada na rúa Campo de Puente nº 1, entrechán, ao longo das tardes de hoxe, mércores 18, e mañá, xoves 19 de outubro, en horario de 14:30 a 20:30 horas.

Esta iniciativa responde a unha chamada de colaboración e axuda dun grupo de voluntarios e profesionais que están a coordinar a resposta para facer fronte aos danos sofridos pola queima dos montes. “Son moitos os animais afectados polos lumes que asolaron a nosa terra, polo que os galegos e galegas, neste caso desde Vilalba e arredores, seguiremos axudando para paliar a situación”. Ademais, os mozos e mozas socialistas subliñan que tamén “estamos á espera de que nos comuniquen se necesitan axuda para as persoas que perderon gran parte das súas pertinencias ou sofriron danos nos seus fogares”.

No que concirne á propia campaña de recollida, as XSG de Vilalba piden mascarillas, gasas, guantes, vendas, correas, mantas, toallas, betadine, xiringas, pomadas antisépticas, bebedoiros, colirios, pomadas para queimaduras (silvederma, furancín, blastoestimulina), antibióticos para animais e pienso para cans, gatos e cabalos.

Finalmente, esperan que a veciñanza se implique como o fixeron nos últimos días “dando un exemplo da solaridade do pobo galego, como en tantas outras ocasións”, incidindo en que “agora é tempo de arrimar o ombro, aínda que chegado o momento deberanse pedir explicacións e responsabilidades na liña de construirmos unha política forestal responsable e digna para a cidadanía galega”, conclúen.