Skip to main content
A PastorizaActualidade

Bos resultados en Bretoña para Chaínzos-Cadaval

Por 23 Outubro, 2017Sin comentarios

A terceira xornada da LNB disputábase en Bretoña.

O campo de fútbol de Bretoña foi o escenario o sábado 21 de outubro na terceira xornada da Liga regular de Billarda da conferencia NorLeste marcada pola altura do corte e da herba espallada que se convertía no maior atranco dos palanadores que se viron e desexaron, primeiro para acertar nos golpexos e logo para non perder de vista a billarda, non sempre co resultado agardado.

Nestas condicións, o equipo local conseguía un moi bo resultado; xa que “acadarían unha xornada redonda de non ser por Manu Pozo de Billardeiros Musicais que se colou sen permiso na festa.

Os grupos con máis ou menos atrancos foron tirando e acabando as cinco carreiras regulamentarias. Feito o reconto de puntos resultou gañador Pepe Vidal dos locais Chainzo-Cadaval que acadou un meritorio pleno de 25 puntos; segundo, a un só punto, o Billardeiro Musical Manu Pozo e terceiro, o tamén local, Rubén con 23.

En equipos Chainzos-Cadaval acadou a mellor puntuación da xornada que o leva do cuarto ao segundo posto da xeral tralo campión Billardeiros Musicais, segundos nesta xornada, e no terceiro posto. quedou Carabullo.

De regular a mala se pode calificar esta xornada para os Troitas Bravas de A Pontenova que estiveron moi desdebuxados.

En donas, a campioa Geni (Billardeiros Musicais), aínda que non quedou moi satisfeita do seu rendemento, foi a mellor superando a Paula (Chainzos-Cadaval), segunda, e a Carme (Troitas Bravas) que rematou no terceiro chanzo da xornada.

As consabidas “bolas de liscos” que dan nome ao Aberto e que, deixando apartada a rivalidade do xogo, compartían os gañadores e gañadoras in situ cos presentes, foron entregadas por Lorena como mestra de cerimonias por parte da tenente de alcalde da Pastoriza.

Clasificación xeral
INDIVIDUAL
Manu Pozo (Billardeiros Musicais): 64 puntos
Charli (Carabullo): 62 puntos
Daniel (Billardeiros Musicais): 61 puntos
Sachas (Troitas Bravas): 61 puntos
Markytos(Billardeiros Musicais): 58 puntos

DONAS
Paula (Chainzos-Cadaval): 42 puntos
Geni (Billardeiros Musicais): 38 puntos
Lorena (Chainzos-Cadaval): 16 puntos

EQUIPOS
Billardeiros Musicais (Ribadeo): 238 puntos
Chainzos-Cadaval (Terra Cha/Castro Rei): 224 puntos
Carabullo (Ponte Outeiro): 219 puntos