Skip to main content
Actualidade

San Xiao de Mos celebra a VI Expodegustación e concurso comarcal da galiña autóctona

Por 25 Outubro, 2017Outubro 27th, 2017Sin comentarios

Representantes de Avimos, Deputación, Concello e veciños da parroquia presentaron a VI Expodegustación e concurso da Galiña de Mos.

O Deputado de Medio Rural, Lino Rodríguez Ónega, xunto ao Alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado; ao Presidente da Asociación de avicultores da Raza Galiña de Mos (AVIMOS), Francisco José Monasterio; e ao representante da Asociación de Veciños de San Xiao, José Silvosa, presentaron este mércores, diante do consistorio, a Expodegustación da Galiña de Mos. Trátase da cita gastronómica que organiza o Concello de Castro de Rei, coa colaboración do Executivo Provincial, AVIMOS, Leitigal e a Asociación de Veciños de San Xiao de Mos, e que terá lugar o vindeiro 29 de outubro na parroquia de San Xiao de Mos. O Goberno converte á Deputación no principal patrocinador deste evento cunha achega económica de 4.000 euros, dentro da súa aposta por impulsar o turismo agroalimentario e promocionar os produtos autóctonos, enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo da provincia de Lugo.

Rodríguez Ónega subliñou que “con esta cita gastronómica poñemos en valor e damos a coñecer un produto da nosa provincia cunha calidade e unhas potencialidades extraordinarias, como son as Galiñas de Mos. Dende o Executivo Provincial colaboramos con este tipo de iniciativas co obxectivo de promocionar as nosas especies autóctonas ao tempo que impulsamos o turismo e a economía deste Concello da Terra Chá, pois se prevé a participación de preto de 1.000 persoas para a xornada deste domingo.”

A Expodegustación da Galiña de Mos comezará coa VI Exposición e Concurso Comarcal da raza Galiña de Mos, na que participarán 12 criadores da Comarca da Terra Chá con 40 exemplares. Contará con expertos veterinarios que valorarán e premiarán aos mellores galos e galiñas. A partir da unha do mediodía, ofrecerase un menú para xantar, cun prezo de 8 euros, no que os asistentes poderán degustar a galiña de Mos, pataca asada e ovo frito, así como queixo, pan e bebida. Ao longo da xornada haberá unha exposición de artesanía e maquinaria agrícola, na que participarán 12 artesáns da provincia que amosarán ao público distintos oficios tradicionais como xoiería, cantería, tornaría ou forxa, así como stands con produtos da zona como pan, queixos, empanadas ou chourizos, entre outros. Ademais, ofreceranse xogos infantís e tradicionais para todas as idades. Para rematar o encontro, terá lugar unha actuación musical a cargo do dúo La Ola.

Galiña de Mos
A Galiña de Mos, tamén coñecida como Raza Mos, é galega. É unha das razas de galiñas da Península Ibérica máis antigas. Pese a que nas últimas décadas estivo ao borde da extinción, na actualidade, pódese desfrutar da beleza e da calidade das máis de 6.000 galiñas. A Galiña de Mos é a única raza autóctona española con este tipo de crista, denominada tecnicamente en chícharo e caracterizada por ser pequena e ter tres filas de papilas e puntos. Os exemplares son moi duros e adáptanse perfectamente ás condicións climatolóxicas máis extremas. Destacan polo seu bo rendemento en partes nobres, menos graxa e maior valor nutricional da carne.

Programación
O horario das actividades da Expodegustación da Galiña de Mos, coa que colabora o Goberno da Deputación é:
Ás 10:30 horas.- VI Exposición e Concurso Comarcal da Raza Galiña de Mos.
Ás 13:00 horas.- Degustación dos manxares da Galiña de Mos.
A partir das 15:30 horas.- Xogos populares coa Asociación Cadaval.
Ás 16:00 horas.- Actuación do dúo La Ola.