Skip to main content
Actualidade

A Deputación achega 12.000 euros á Asociación de Dano Cerebral

Por 26 Outubro, 2017Outubro 27th, 2017Sin comentarios

López Izquierdo participaba na campaña de información de ADACE.

A Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, participou este xoves na tradicional campaña de información que organiza anualmente a Asociación de Dano Cerebral Sobrevido/Adquirido de Lugo, con motivo do Día Mundial de Dano Cerebral Adquirido, que se celebra o 26 de outubro. Este ano, o obxectivo desta campaña é visibilizar ás máis de 35.000 persoas con esta doenza en Galicia, coa instalación de 6 mesas informativas, distribuídas por toda a provincia. En concreto, están no HULA (Hospital Universitario de Lugo), no Hospital da Costa de Burela, no Hospital Comarcal de Monforte de Lemos, no Centro Comercial As Termas, no Concello de Lugo e na Deputación.

O Executivo Provincial colabora con este colectivo, non só situando unha destas mesas no Pazo de San Marcos, senón tamén con achegas económicas de xeito anual. En efecto, este ano, o Goberno da Deputación destinou 12.000 euros a ADACE Lugo para os gastos de funcionamento do Centro de Día que posúen na capital lucense. Actualmente, este servizo presta atención a 20 usuarios de toda provincia, en quendas de 4 horas, de mañá e tarde. Ademais deste prestación, a asociación realiza diferentes actividades e obradoiros ao longo de ano, como o de psicomotricidade, estimulación cognitiva, terapia ocupacional ou rehabilitación, entre outros moitos.

López Izquierdo subliñou que “as dúas causas principais de Dano Cerebral Adquirido son os ictus e os traumatismos cranioencefálicos. Gran parte dos danos cerebrais poderían evitarse tendo en conta os seus factores de risco e tomando medidas preventivas. Previr o ictus pasa por adoptar hábitos de vida saudables que eviten factores de risco como a tensión, a obesidade ou a hipertensión. O 70% dos traumatismos cranioencefálicos que provocan dano cerebral son consecuencia de accidentes de tráfico, dos que gran parte teñen causas relacionadas co exceso de velocidade e a condución baixo os efectos do alcol ou as drogas. Estímase que cada ano rexístranse ao redor de 100.000 casos novos en España, con este datos, é fundamental que todas as institucións colaboremos na súa prevención e investigación, sobre todo as que teñen competencias directas neste eido.”

ADACE
ADACE é unha asociación sen ánimo de lucro, de ámbito provincial, formada por persoas afectadas de dano cerebral sobrevido (DCS), as súas familias e outros colaboradores. Entre os seus obxectivos están promover a acollida, información, orientación e asesoramento a familiares e afectados de dano cerebral sobrevido; así como sensibilizar ás institucións públicas e á sociedade en xeral sobre a problemática do afectado de DCS e das súas familias. Actualmente atende a 35 persoas de toda a provincia con esta doenza.