Skip to main content
Actualidade

O PP anuncia o voto favorable á proposta da Deputación de investir 15 millóns na mellora das estradas provinciais

Por 27 Outubro, 2017Sin comentarios

Os deputados do PP anuncian o voto a favor do investimento en estradas provinciais.

A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, acompañada do vicevoceiro desta formación política na Deputación, Carlos Armesto, e doutros deputados provinciais, anunciou este venres o voto favorable deste Grupo á proposta que será debatida o vindeiro martes no Pleno, e que inclúe un investimento de 15 millóns de euros para a mellora de estradas provinciais en todos os Concellos da provincia.

E é que esta iniciativa resposta a “unha reivindicación histórica” do Grupo do PP, pois esta formación demandou a posta en marcha dun plan semellante en numerosas ocasións. A máis recente data de xullo de 2017, e foi aprobada por unanimidade na sesión plenaria dese mes.

Deste xeito, demóstrase, indicou Elena Candia, que “volvemos a tomar a dianteira” naqueles asuntos que son importantes para a provincia e o interese xeral dos lucenses, “sendo moi coherentes co que diciamos cando incluso estabamos na oposición cun Goberno en maioría e sen ser escoitados”.

“Un paso máis, pero non suficiente”
Os populares insisten en que “se dá un paso máis, pero non suficiente” para “corrixir a discriminación” que sofriron moitos Concellos dende o ano 2007, xa que moitas estradas que teñen un volume de tráfico menor están en perfectas condicións e outras, que supoñen importantes nexos de acceso a localidades turísticas, como poden ser a Ribeira Sacra ou a zona costeira, presentan importantes deficiencias no seu firme; o que dificulta o tránsito polas mesmas e pon en perigo a seguridade dos usuarios.

“As infraestruturas son clave para o desenvolvemento dos Concellos. Sabemos que somos a provincia coa rede viaria máis extensa de España, e isto só se pode manter cunha partida suficiente”. Por iso, destacou a voceira do PP, “valoramos positivamente esta iniciativa e facémolo, especialmente, porque se reparte dunha maneira razoable e respectando proporcionalidade dos quilómetros que ten cada municipio”. E é que, segundo precisou, “durante 8 anos as cantidades do Goberno tiñan un criterio partidista”.

Con todo, os populares non se conforman con esta cantidade, debido a que lles gustaría que aportación do Goberno fose maior, pero si que contribúe a “frear a sequía económica que padeceron moitos Concellos durante tanto tempo, pero que agora van a ter máis posibilidades de que as estradas estean en mellores condicións”.

Orzamento de 2018
“É un paso máis que corrixe discriminación”, reitera. Non obstante, e dende unha perspectiva realista, “pois a nosa posición 12 de 25 deputados non pode ser suficiente para o proxecto de provincia que queremos”, a voceira do PP conclúe que “estamos suplindo a acción do Goberno”.

“É importante a cantidade económica porque resposta a unha demanda pola que levamos pelexando”. Por iso, Elena Candia, adiantou que o seguinte paso é instar ao equipo de Goberno provincial a presentar o proxecto de Orzamento de 2018, pois xa estamos rematando o ano e moitos Concellos están expectantes, por exemplo, da consignación das cantidades do Plan Único”, indicou.