Skip to main content
Actualidade

A Deputación destina 30.000 euros á Federación de Asociacións de Veciños de Lugo

Por 7 Novembro, 2017Sin comentarios

Os presidentes da Deputación e da Federación de Asociacións asinaban un convenio ante a presenza doutros dirixentes políticos.

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo “Lucus Augusti”, Jesús Vázquez Varela, e o concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, informaron este martes sobre unha nova colaboración de 30.000 euros entre o organismo provincial e a federación, dirixidos ao funcionamento de dito colectivo, que presta asistencia a un total de 257 asociacións de todos os Concellos da provincia.

Campos Conde destacou que “a través da sinatura desta axuda, dende o Goberno da Deputación renovamos o noso compromiso cos veciños lucenses, colaborando na promoción de campañas tan importantes para a provincia como Lugo, non perdas o tren, Hemodinámica 24 horas ou a recente plataforma en defensa do rural. Ademais, grazas a esta colaboración, financiamos parte dos custos de contratación de persoal técnico que presta servizo ás 257 asociacións que integran a Federación de Veciños, que representan a máis de 20.000 lucenses”.

“Creo que é de xustiza recoñecer a enorme labor que a Federación presta a todas e cada unha das agrupacións e asociacións de veciños que a integran, co fin de mellorar os dereitos e servizos dos veciños, especialmente os do rural”, apuntou.

Son, concretamente, 3 administrativos e 1 peón; que desenvolven un papel fundamental no tecido asociativo da provincia, pois son os que, por exemplo, se encargan de facer a documentación administrativa das asociacións lucenses, como redacción de actas, creación de estatutos ou solicitudes de axudas, entre outros moitos.

Jesús Vázquez agradeceu a colaboración do Goberno da Deputación “que nos permite continuar ofrecendo un servizo técnico á todas e cada unha das asociacións que nos piden asistencia técnica”. O Presidente da Federación de Veciños insistiu na necesidade de continuar ofrecendo programas de mellora do rural, como o de traídas de auga ou mellora de camiños que ofrece o Goberno Provincial. Neste senso, apelou á responsabilidade dos grupos políticos con representación na Deputación “para que se reforcen estas liñas de axuda, que son de vital importancia para os veciños de toda a nosa provincia”, apuntou.

“O noso compromiso co rural non é un slogan”
O presidente defendeu que o Goberno aposta por unha Deputación social, rural e coas persoas. “É por iso que ano a ano, colaboramos con centos de asociacións directamente, cos que reivindicamos a vida no rural, e en igualdade de oportunidades vivas onde vivas. O noso compromiso co rural non é un slogan. O noso compromiso co rural é real e apoiase en feitos”, destacou.

“Dende o Goberno da Deputación chegamos a onde outras administracións non o fan, escoitando as necesidades dos nosos veciños, que son os que mellor coñecen as necesidades dos lugares nos que viven.”, subliñou .

Campos Conde explicou que durante estes 2 anos, o Goberno da Deputación destinou máis de 3,4 millóns de euros, a centos de asociacións lucenses través das axudas de Impulso ao medio rural e ao sector primario. Por exemplo, so durante o 2016, foron 125 as asociacións lucenses que se beneficiaron deste tipo de axudas.

En base a estes 3,4 millóns de euros do orzamento provincial, o Goberno da Deputación financiou a creación de máis de 28 novas traídas de auga no rural e a mellora doutras 30; en Concellos como Samos, Pol, Folgoso do Courel, Fonsagrada ou Riotorto; a rehabilitación de 55 locais sociais da provincia, que serven de lugar de reunión para, por exemplo, os veciños e veciñas dos Concellos de Xermade, Vilalba, Guntín, Portomarín ou Bóveda; a dotación e mellora de 132 camiños e accesos, especialmente en núcleos rurais e montes veciñais, de municipios como Friol, Lugo, Ribadeo, O Corgo ou Monforte de Lemos ou a posta produción máis de 550 hectáreas de terreo baldío, a través das axudas para recuperar terras abandonadas en Triacastela, Samos, A Pastoriza ou O Saviñao.