Skip to main content
Actualidade

44 millóns de euros máis para Lugo aplicando o criterio de “dispersión” na PIE

Por 8 Novembro, 2017Sin comentarios

Nos criterios do reparto dos fondos estatais rexéitase a utilización de variables- como a dispersión – que midan o custo dos servizos que teñen que desenvolver ás entidades locais, salvo no aspecto poboacional. Pero a dispersión e o envellecemento poboacional son dous factores que inciden directamente no custo dos servizos, e singularmente naqueles que a Lei obriga aos concellos a prestar: o mantemento de estradas, o alumeado público, a prestación dos servizos de recollida de lixo e auga, a atención á dependencia, etc, obviamente resultan máis caros nun contexto territorial tan disperso e complexo xeograficamente como é o galego.

Por iso, dende a Fegamp, se valora primordial introducir tamén eses criterios na fórmula da PIE para equilibrar o reparto entre entidades locais de distintas Comunidades e que podan afrontar de esta forma o sobrecusto que eses factores producen na xestión municipal, xa sexa directamente ou a través da creación dun Fondo específico dentro da participación, similar ao xa existente no modelo de financiamento autonómico, no que si se valoran estas circunstancias específicas.

Singularmente podemos poñer como exemplo os concellos da Provincia de Lugo, que contando cun 12% da poboación galega, teñen máis do 30% das entidades singulares de poboación ( un 16% do total do Estado) e un terzo da extensión da Comunidade galega, que se une a un porcentaxe de habitantes de máis de 65 anos no entorno do 29%, máis de 4 puntos por enriba da media galega e máis de 10 puntos respecto á media estatal. Neste escenario, de aplicarse por exemplo os criterios propostos pola Fegamp, as arcas dos concellos lugueses contarían con 44 millóns de euros máis para o seu financiamento.

De feito, a Comisión de Análise das Facendas Locais da Fegamp aprobou dentro das “100 Medidas para un municipalismo xusto con Galicia e coa Cidadanía” unha medida na que se pide expresamente que na fórmula de reparto da Participación nos Ingresos do Estado dos concellos se teña en conta aspectos demográficos e territoriais que inciden no custo que os concellos asumen na prestación dos seus servizos como os criterios de poboación, dispersión e envellecemento. E o que é aínda máis importante, esta petición ratificouse recentemente na Comisión de Expertos creada en Madrid polo Consello de Ministros xunto coa FEMP, onde se aprobou un documento no que expresamente avala as teses defendidas historicamente polos concellos galegos. Así queda reflectido no documento de conclusións (aprobado en xullo deste ano), que os expertos entenden que “ para o reparto da PIE se debería incluír, xunto á poboación, algunha outra variable que recolla os elementos diferenciais entre concellos de custo unitario de provisión de servizos, tipicamente a dispersión xeográfica da poboación”

Na análise de Fondos de Cooperación Local de Comunidades tan distintas como Andalucía, Asturias, Cataluña, Canarias ou Castilla-León observamos que para realizar o reparto das contías, e ao carón do criterio central “número de habitantes”, todas introducen algún criterio que mide a dispersión poboacional (superficie e núcleos de poboación), entendendo que estes factores son elementos clave na prestación de servizos, e favorecen, coa agregación destas variables específicas, a aqueles concellos con máis dispersión, equilibrando así internamente ese maior custo que asumen. (Achégase gráfico coa simulación para cada un dos modelos). Por isto, desde a Fegamp se demanda que, unha vez avalado na Comisión de Análise da Fegamp e ratificados pola Comisión de Expertos de Madrid, só queda que normativamente se apliquen estes criterios de maneira urxente, para evitar que se siga producindo unha situación inxusta e discriminatoria para o conxunto do municipalismo galego.