Skip to main content
ActualidadeMuras

O Viveiró acolle a III Feira do Mel

Por 9 Novembro, 2017Sin comentarios

O mel é un dos produtos froito da explotación dos recursos primarios do municipio de Muras onde a actividade apícola se mantén como segunda fonte de ingresos das explotacións agrícolas e gandeiras.

Cunha decena de produtores en todo o termo municipal, o Concello impulsaba fai algo máis de dous anos unha Feira do Mel da Montaña co obxectivo de “promover específicamente un dos excelentes produtos locais”. Este ano, a cita que se desenvolve na praza do Viveiró, celebrarase entre o sábado 18 e o domingo 19 de novembro.

Igual que na pasada edición, o sábado pola tarde servirá para achegarse ao mundo do mel de forma máis técnica. Nesta ocasión inclúe, a partir das catro da tarde e no restaurante Picapán Casa Vituco un concurso de calidade do mel no que participarán os produtores con colmeas no municipio. Ao seu remate será Xesús Feás o encargado de ofrecer unha ponencia sobre o potencial apícola de Muras. Neste caso, a xornada rematará arredor das oito e media do serán cunha degustación de lacón e unha actuacións musical.

Feás reproducirá parte do seu estudo de ingreso na Academia de Ciencias Veterinarias no que destacará a necesidade da existencia das abellas para a vida na Terra. O académico ofrecerá tamén un “ameno” repaso polas propiedades dos produtos da colmea. Neste sentido, avanza que “a situación xeográfica do concello de Muras, en plena Serra do Xistral, permite producir unha mel monofloral de queiroga con propiedades medicinais”. Ademais, defende a apicultura coma “un complemento para as explotacións gandeiras do municipio”; xa que se trata de aproveitar un recurso prácticamente de xeito gratuíto ao seren as abellas as que producen o mel e os apicultores só ter que recoller”. É por iso, entre outros motivos, polo que “convida aos interesados e interesadas e iniciarse na actividade. Para iso, dispoñeen moi preto dun centro de referencia apícola como é a Casa do Mel de Goente (As Pontes) que ofrece asesorament, entre outros servizos.

II Feira do Mel de Muras.

O domingo 19 será o propio día da feira que abrirá ás dez da mañá con postos dos produtores de mel; pero tamén de queixos, azafrán, licores, viños, a panadería de Muras e un resineiro da Asociación Arega, Francisco Domínguez, que fará unha demostración da extracción da resina dun pino de cara ao seu aproveitamento. Domínguez explica que na feira realizarán unha demostración da extracción da resina dun pino co método tradicional empregado en Galicia.

Ao longo da mañá do domingo desenvolverase tamén un obradoiro de cestería, a partir das once, e outro de doces elaborados con mel, a partir das doce. E, ao mediodía, o cantautor Miguel Alonso encargarase de amenizar musicalmente o xantar en Casa Picapan Vituco do Viveiró, na carpa da Churrasquería Rochela ou na Foodtruck de Antonio Díaz do restaurante Andarubel “AUTGA autóctonas”. Despois do xantar tocará degustar as sobremesas –por un prezo de 1 euro- elaboradas con mel no obradoiro da mañá.

As actividades da tarde completaranse cun taller de cociña para nenos e nenas, entre as cinco e media e as seis e media, e ao seu remate farase entrega dos premios da cata celebrada o día anterior.

Somos Quen
O programa da Radio Galega “Somos Quen”, coa xornalista María Xosé Rodríguez, trasládase ata Muras o domingo 19 de novembro para celebrar tamén a III Feira do Mel de Montaña. Os técnicos e xornalistas estarán grabando e gozando do día para dar unha información completa ao resto de Galicia desta importante cita para todos os veciños e veciñas.