Skip to main content
ActualidadeVilalba

A Asociación Feminista de Vilalba organiza unha xornada de mulleres emprendedoras

Por 14 Novembro, 2017Sin comentarios

A Asociación Feminista de Vilalba vén de anunciar a primeira mesa de experiencias de mulleres emprendedoras da bisbarra, que terá lugar o vindeiro sábado 18 de novembro ás 20:30 horas no Centro Cultural e Recreativo da localidade.

Nesta cita intervirán catro mulleres de eidos ben diferenciados pero que comparten un rasgo común: o de ter emprendido profesionalmente para sacar adiante os seus proxectos empresariais, así como mantelos no tempo. A primeira das relatoras será Elena Iglesias, do Centro Terapéutico Mondo; a segunda Guadalupe Prado, da SAT Arealba; tamén participará Elisabet Castro, do Mesón do Campo, concluíndo Cecilia F. Santomé, da revista Coolt.

Esta iniciativa das feministas de Vilalba responde a un “traballo de visibilización das mulleres emprendedoras que temos ao noso arredor, nun contexto onde a desigualdade laboral segue sendo notoria e inxustificable”, subliñan desde a asociación. Nesta liña, esperan unha boa acollida por parte da veciñanza “porque consideramos de vital importancia xerar espazos de intercambio de experiencias, así como facilitar que a mocidade teña referentes para rachar coa desigualdade estrutural que afecta a todos os ámbitos da nosa sociedade”.