Skip to main content
ActualidadeMuras

O potencial da apicultura e outros aproveitamentos secundarios do rural, na III Feira do Mel de Muras

Por 17 Novembro, 2017Sin comentarios

O Viveiró acolle esta fin de semana a terceira edición da Feira do Mel da Montaña, un mel monofloral “con grandes propiedades medicinais” como destaca o catedrático Suso Feás. Isto débese “á flora pouco común da serra do Xistral que aproveitan as abellas para a súa elaboración, a queiroga, que lle proporciona unha cor máis escura debido á alta presenza de minerais”.

Así, este tan apreciado produto é o resultado do aproveitamento dos recursos naturais do seu entorno por parte dos veciños e veciñas de Muras aos que Feás convida a seguirse sumando á práctica da apicultura apoiados na Casa do Mel do Goente como centro de referencia en asesoramento.

Feás ofrecerá unha conferencia este sábado 18 incidindo en que se trata dunha “actividade solidaria”; xa que “sen abella non habería esta paisaxe tal e como a coñecemos”. Ademais, “a colmea é unha botica de medicamentos contra infeccións urinarias e outras doenzas; xa que os produtos apícolas no seu conxunto teñen grandes calidades terapéuticas”.

Aplicacións químicas e cosméticas é o que ofrece outro dos produtos que se poden aproveitar nos montes galegos; xa que a resina do pino se emprega para a elaboración de disolventes, principalmente, pero tamén como fixadores de aromas que substitúen aos derivados do petróleo en produtos químicos e cosméticos.

Estes produtos pódense conseguir a partir das resinas naturais que os resineiros extraen dos piñeiros sen necesidade de talar as plantacións. É o caso de Francisco Domínguez, pertencente á Asociación de Resineiros Galegos (AREGA 16), que ten unha explotación en Loiba (Ortigueira) baseada neste aproveitamento secundario das plantacións de pinos en minifundio que requiren do alugueiro de parcelas para lograr dedicarse en exclusiva á extracción de resina.

De feito, Francisco Domínguez, que tamén participará na Feira do Mel, comezaba alugando piñeiros de 15 en 15 a través de contratos e agora conta xa con 1.000 unidades. Pero, segundo explica, “primeiro hai que convencer aos propietarios de que o método de extracción non dana a madeira e, polo tanto, que se non se depreciará no mercado”. De feito, “empregamos un método totalmente tradicional que lle ensinamos previamente ao propietario dos pinos in situ e que consiste en acceder á parte viva por debaixo da codia, pero por riba da madeira”. Trala súa extracción a resina, o seu tratamento realízase en Segovia onde alcanza prezos competitivos.

Este traballo require de constante vixilancia e coidado. Así, este resineiro visita as plantacións cada 12 días para controlar que o corte de resinado non cicatrice contribuíndo, polo tanto, a manter limpas as parcelas e, mesmo, a disuadir posibles pirómanos. Deste xeito, Domínguez defende as actividades complementarias no rural –coma a apicultura ou a recolección de cogomelos e, por suposto, a extracción de resina- como fonte de riqueza e de fixación de poboación no rural.

Piñeiral.

Neste caso, a extracción de resina é complementaria á venda de madeira porque “non se cambia o seu destino, senón que se aproveitan outros produtos da plantación engadindo valor”. Polo mesmo, defende que as grandes empresas madeireiras deberían coordinar ambas actividades coas que aproveitar este recurso e aumentar o emprego. “Na zona de León, incluída en Rede Natura, está totalmente implantada a contratación de resineiros”.

Francisco Domínguez participará o domingo 19 na feira cun expositor onde ofrecerá información á xente do sector madeireiro e unha demostración do método de extracción empregado en Galicia a partir dun tronco de 1,5 metros.
Tamén haberá expositores de mel, produtos apícolas e outros produtos agroalimentarios da zona; ademais de obradoiros de cestería e de elaboración de doces con mel.

Despois da emisión en directo do programa “Somos Quen” da Radio Galega, o cantautor Miguel Alonso ofrecerá unha actuación musical durante o xantar. E, posteriormente, poderanse degustar os doces elaborados con mel.
Pola tarde haberá outro obradoiro lúdico para os máis pequenos ata rematar a xornada coa entrega de premios do Concurso de Mel que se realizará o sábado no restaurante Picapán Casa Vituco.

Tamén o sábado Xesús Feás ofrecerá o relatorio “A apicultura: unha actividade necesaria para a vida da terra. O potencial de Muras” antes dunha degustación gratuíta de lacón e unha actuación musical.