Skip to main content
ActualidadeMuras

O Concello de Muras aproba investigar a titularidade dos Montes da Gañidoira e Fraga de Ximarás

Por 24 Novembro, 2017Sin comentarios

O Concello de Muras aprobaba no pleno extraordinario que se celebraba este xoves 23 de novembro iniciar o expediente de investigación dos Montes da Gañidoira e Fraga de Ximarás sobre a súa titularidade.

Trátase dunha iniciativa do equipo de goberno ao ser coñecedores, como se recolle en actas das sesións plenarias do propio Concello de Muras, de que “unha parte deses montes son propiedade dos veciños e veciñas” cando “eses terreos foron inventariados a nome do Concello sen que ningunha documentación acredite a súa titularidade”, segundo explica o alcalde, Manolo Requeijo.

Tendo en conta que o Concello ten potestade investigadora, tralo acordo aprobado no pleno procederá a solicitar dos rexistros que proceden cantos antecedentes e datos consten relativos aos bens investigados incorporando ao expediente as certificacións que expidan a este efecto.

O acordo será publicado no Boletín oficial da Provincia e na páxina web do Concello e tamén se trasladará á administración xeral do Estado e á comunidade autónoma “para que faigan valer os seus dereitos e alegar o que proceda”. Posteriormente, abrirase procedemento de información pública por un período dun mes “para que os que sintan afectados podan alegar por escrito o que estimen convinte”. Como período de proba, abrirase outro prazo de 20 días para a presentación de documentos públicos, xudiciais, notariais ou administrativos e declaración de testemuñas.

Trala recepción de alegacións e outra documentación, a corporación municipal deberá avaliar as probas e poñer en coñecemento das persoas afectadas pola investigación e establecer de novo un prazo de 10 días para que aleguen de novo o que estimen no seu dereito.

Trala investigación, “o pleno decidirá se os Montes da Gañidoira e Fraga de Ximarás se manteñen no inventario municipal ou se retiran e se devolven aos seus lexítimos propietarios que son os que teñen documentación acreditativa da súa titularidade”.

O rexedor local quere ter resolto o expediente “o máis axiña posible”. Aínda que non se aventura a avanzar un prazo concreto, agarda que “ao longo do vindeiro ano quede resolta esta cuestión dos Montes da Gañidoira e Fraga de Ximarás”.

Outros puntos da orde do día
A corporación municipal tamén aprobaba o nomeamento de Belén Chao como representante do Concello no Consello Escolar do CEIP Antía Cal; así coma o pagamento de complementos salariais dos traballadores do Concello en caso de baixas.

Por outra banda, tamén se acordaba establecer un novo prazo para solicitar as bolsas a estudantes neste curso 17/18. Deste xeito, “os interesados e interesadas disporán de 20 días trala publicación da nova convocatoria no BOP”.