Skip to main content
ActualidadeVilalba

O PSOE pedirá no pleno que se paralice a poxa da Pena Grande e se solicite a súa cesión ao Concello de Vilalba

Por 29 Novembro, 2017Sin comentarios

O Grupo Municipal Socialista vén de anunciar a postura que defenderá no pleno de mañá ante o “agravio” que se está a cometer co que moitos consideran o xacemento do paleolítico máis importante de Galicia, o abrigo de Pena Grande, na parroquia vilalbesa de Santaballa. Ante a inminente poxa lanzada polo Ministerio de Economía e Facenda para o vindeiro 15 de decembro, os socialistas pedirán que o alcalde, Agustín Baamonde, “se dirixa urxentemente ao Ministerio para solicitar a paralización desta poxa, formalizando a solicitude para a cesión ao Concello dos terreos aos que se refire o anuncio da subasta no BOE do 20 de novembro”. Ademais, na moción presentada polo PSOE vilalbés pídese un acordo para solicitar da Xunta de Galicia a declaración de BIC de toda a parcela.

Tal e como vén de afirmar a voceira dos socialistas, Elba Veleiro, “temos un xacemento arqueolóxico dun valor patrimonial incalculable que está sendo mercantilizado e desprezado polos propios organismos públicos, que son quen deben protexelo e poñelo en valor”. Na Pena Grande téñense atopado milleiros de elementos de interese arqueolóxico “sen que ata o momento ningunha entidade pública se teña interesado pola súa prospección”, critica Veleiro.

Ademais, desde o Partido Socialista defenden que “este patrimonio é da sociedade, non debe ser obxecto de ningunha subasta nin inventariado por ningún ente de natureza privada”, explicando tamén que “polo que ao noso partido respecta, estamos presentando iniciativas a todos os niveis, desde o Goberno da Deputación, o Parlamento Galego, o Congreso dos deputados e tamén agora, no Concello de Vilalba, para paralizar este despropósito”.

O Partido Socialista de Vilalba tamén pon de relevo que “esta é a terceira vez que se produce esta poxa sen que o Concello teña manifestado nin o máis mínimo interese en provocar a apertura dun expediente de cesión, e nesta ocasión parecen manterse á espera, de novo, como acostuman a facer con todo, aínda que coa súa pasividade estean a cometer unha das maiores irresponsabilidades do seu mandato”.

Transparencia
Non é a primeira vez que as e os socialistas falan en Vilalba do cumprimento da Lei de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno. Aprobada en decembro do ano 2013, deuse unha marxe de dous anos para que os concellos foran introducindo os requerimentos normativos. Así pois, “despois de que pasara este período, en decemebro de 2015, pedimos explicacións do incumprimento casi total de todas as esixencias da lei, e outros dous anos máis tarde seguímonos atopando cunha web institucional pobre, que non dá contas á veciñanza da xestión do seu goberno tal e como sinala e obriga a lexislación”, subliñan. Neste senso, destacan que a día de hoxe a información relativa a contratos, subvencións, contas anuais, retribucións de altos cargos, convenios ou outros parámetros é case inexistente ou incompleta, vulnerando os dereitos de toda a cidadanía. Por iso, o PSOE pedirá que se subsanen as ausencias, deficiencias e incluso omisións de información obrigatoria na páxina web municipal e no portal de transparencia para dar cumprimento á normativa relativa á transparencia das entidades locais, “que para o goberno vilalbés parece pasar totalmente inadvertida”.

Por outra banda, e seguindo na liña da transparencia, tamén retomarán unha moción socialista aprobada por unanimidade en novembro do 2014 para a retransmisión online das sesións plenarias, pois tres anos depois “seguimos esperando a que saquen esta iniciativa que aceptaron do caixón”.

A última das mocións presentadas do PSOE ten que ver co urbanismo e coa coordinación entre administracións públicas. Nun intento por facer máis transparentes e dilixentes os procesos neste eido, os socialistas pedirán que o Concello de Vilalba asine un convenio de adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, para delegar neste órgano determinadas competencias como a de inspección, supervisión, sanción, e restablecemento da legalidade urbanística “sen que esta delegación signifique unha perda de autonomía municipal”, matizan.

Solicitude de comparecencia
O Grupo Municipal Socialista, tal e como anunciou no seu momento, rexistrou para o pleno de mañá unha solicitude de comparecencia da Concelleira de Cultura, Chery Grandío, “para dar todas as explicacións precisas derivadas dos contratos asinados coa empresa Art Music ao respecto das actuacións no FIV e do grupo Café Quijano.

Medio Ambiente
Tres son as preguntas que se farán nesta sesión plenaria. A primeira alude ao mal funcionamento das depuradoras do Santo e do Carrizo; a segunda fai mención dos colectores de lixo próximos a establecementos de alimentación, así como da periodicidade do baleirado dos colectores de lixo das parroquias; a terceira e última pregunta ten que ver coa seca prolongada que está a atravesar o noso territorio e as medidas existentes para minorar os seus efectos.